A Casa da Xuventude é a principal infraestrutura da Concellaría de Xuventude deste Concello. Nela congréganse un conxunto de servizos pensados por e para o colectivo da mocidade desta cidade e, en xeral, para calquera rapaz interesado/a en utilizalos.

A Casa é o noso símbolo estético de identificación. Non a esqueces unha vez que a viches.
Os/as que xa a coñecen saben da súa peculiaridade como edificio que resulta único en toda a cidade e en toda Galicia. Podedes coñecer algo da súa historia nesta web ou podedes optar por vir visitala. É un lugar público, non tedes que pedir permiso para vela e aproveitaredes a visita para saber que vos ofrecemos.
Nesta sección atoparedes unha relación de cada un dos servizos que están situados nela. Anotade os horarios dos servizos de orientación xuvenil (emprego, turismo e estudante) que serán moi valiosos para aclarar e solicitar unha atención personalizada nos temas que traballa cada un.
Así que, navega connosco para coñecernos ou utiliza o correo electrónico para consultar e preguntar calquera dúbida que poidas ter. Escoitaremos as túas inquedanzas e tamén as túas propostas.
Estamos na rúa López Mora ,31. 36211 Vigo.
Casa da Xuventude
O Chalé O Pilar foi construído por Camilo Teijeiro Marín e supón a implantación mimética na cidade de formas pintorescas de procedencia centroeuropea, estrañas á tradición local. Na redacción do proxecto, que asina José Franco Montes en outubro de 1913, estaría presente a consulta dos repertorios de láminas austríacas, alemás, francesas, etc. que recollían as modalidades que esta estética adoptara nos diversos países europeos, en especial os módulos do "cottage"suízo ou alpino. O edificio recolle numerosos vocábulos pintorescos que aparecen quebrados, reforzándose coa inclusión de dúas torres nos ángulos, grande variedade de cubertas con tendencia a unha forte inclinación; diversidade de bufardas; amplos e pronunciados beirís con barrotes e estruturas de madeira que máis que elementos sustentantes funcionan como elementos decorativos.

O pintoresco mistúrase co modernista, estando tamén presentes as referencias neomedievalistas que non lle foron estrañas a esta estética. Os corpos torreados rematados en agudos capiteis, forman parte importante na definición plástica do edificio. A torre voada amosa unha fermosa galería de tipo oriel-window inglés, mentres que na máis alta o arquitecto sitúa sobre a pronunciada cuberta unha orixinal bufarda que actúa como miradoiro elevado coa típica cubrición pintoresca de finxida estrutura sustentante de madeira, rematándose o conxunto cun agudo chapitel.
O inmoble mantense hoxe sen alteracións aínda que afogado polas altas construcións circundantes, como afortunado supervivente do ataque especulativo que sufriu esta zona na que se fora conformando unha fermosa cidade xardín, hoxe desaparecida, que posuía exemplos de vivenda residencial de todas as tendencias. Neomedieval, ecléctica, pintoresca, e rexionalista. No ano 1927 proxecta José Franco Montes un Chalé para Antonio González Romero, que se situaría na rúa Alberto Fresco (hoxe Loriga), no que aínda sobrevivía a influencia pintoresca cunha certa aproximación á arquitectura rexionalista en alza nese momento.
Desenvolver actividades de carácter xuvenil, consideradas como aquelas actuacións xestionadas e pensadas por e para os mozos de Vigo nos distintos ámbitos da vida política, social, económica e cultural.
* Investigar, observar e detectar as necesidades do colectivo da mocidade de Vigo para despois ofrecer un servizo acorde a esa demanda.
* Fomentar a participación social do colectivo da mocidade e procurar que con esta acción os/as mozos/as se sintan representados nesta Concellaría de Xuventude. Queremos incrementar as vías de colaboración entre a Concellaría e os colectivos asociados e/ou grupos informais de mozos desta cidade.
* Escoitar, en xeral, as inquedanzas e intereses da nosa xuventude e logo, tentar ofrecerlles un programa de accións en harmonía co escoitado.
López Mora, 31. 36211.
Tfno.986.294806
Fax. 986.294934