O verán é unha estación que invita ao ocio por excelencia. O bo tempo, o descanso das actividades académicas, o remate dos exames, ... facilita que mozos e mozas dispoñan de máis tempo libre e ganas de divertirse en compaña dos seus amigos/as ou ben coñecendo xente nova.
Durante esta época do ano xorden centos de alternativas de ocio: Festas parroquiais, eventos culturais ao aire libre, verbenas, concertos, etc.
A Concellería de Xuventude, pola súa banda, aposta por un modelo de actuación baseado na implicación dos mozos e mozas, ben sexa a nivel individual e/ou colectivo, co obxecto de acadar unha participación efectiva destes/as na sociedade. Así, pois, cada verán elabórase unha programación de actividades onde se intenta que a xente nova sexa a protagonista, xa sexa polo carácter intrínseco das actividades a desenvolver (campionatos de bicicletas BMX, Xornadas de xogos de rol e estratexia, batallas de breakdance, ...) ben pola participación maioritaria de mozos e mozas (concertos de grupos noveis, festivais hip-hop, etc.) ou ben polo protagonismo xuvenil á hora de programar e desenvolver tales actividades, que poden estar dirixidas ao mesmo sector de poboación ou a outros sectores coma nenos, colectivos marxinais, etc.

Verán Xove reúne unha serie de propostas para realizar no período estival pola poboación xuvenil da cidade. Cada verán edítase unha nova programación na que se inclúen diferentes alternativas desenvolvidas polas Concellerías de Xuventude e Deportes do Concello de Vigo e outras realizadas por diferentes colectivos xuvenís da cidade.
Se estades interesados/as en realizar algunha proposta de actividade, facer algunha suxestión, ou sinxelamente obter máis información, podedes contactar con:
- Casa da Xuventude (r/ López Mora, 31)
- Teléfono: 986 294 806
- Fax: 986 294 934
- Correo electrónico: xuventude@vigo.org