19 Xaneiro 2012
Ciclos formativos de grao medio
A solicitude de inscrición para as probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio presentarase por duplicado na secretaría de calquera instituto de educación secundaria onde se impartan ciclos formativos de formación profesional ou centros integrados de formación profesional, no prazo comprendido entre os días 27 de febreiro e o 9 de marzo de 2012, ambos os dous incluídos, segundo o modelo do anexo I recollido na Orde do 2 de decembro de 2008.
O centro que tramite a devandita solicitude deberalle entregar á persoa solicitante unha copia selada desta. Quen desexe información puntual no relativo ás publicacións en todo o proceso do desenvolvemento das probas de acceso poderá dirixirse ao lugar onde realizase a súa inscrición, ao centro onde realice as probas ou ben á páxina web http://www.edu.xunta.es/fp, onde se publicarán as listaxes correspondentes. Estas listaxes terán efectos de comunicación ás persoas que presenten reclamación. A relación provisoria de persoas admitidas e excluídas para a realización da proba farase pública o día 20 de marzo. Esta listaxe dará información sobre a documentación presentada. No caso das exclusións, farase indicación expresa do motivo que as ocasione. Poderanse presentar reclamacións contra a listaxe provisoria desde o día 21 ata o día 23 de marzo, ambos os dous incluídos, no mesmo centro onde se realizase a inscrición. Así mesmo, durante o período de reclamación poderase achegar a documentación pendente de entrega. A relación definitiva de persoas admitidas e excluídas para a realización da proba farase pública o día 28 de marzo.
Realización das probas de acceso.
As probas de acceso aos ciclos de grao medio terán lugar o día 25 de maio de 2012 no horario que se indica a seguir:
– Ás 9.00 horas: presentación.
– Das 10.00 ás 11.00 horas: parte matemática.
– Das 11.30 ás 13.30 horas: parte sociolingüística.
– Das 16.00 ás 18.00 horas: parte científico-técnica.
As persoas inscritas deberán presentar, para a realización da proba, o seu documento oficial de identidade e a copia da folla da solicitude de inscrición.
Publicación das cualificacións.
Os resultados das cualificacións provisorias das probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio publicaranse o día 7 de xuño. Poderanse presentar reclamacións contra a cualificación provisoria os días 8, 11 e 12 de xuño, ante o presidente ou a presidenta do tribunal avaliador, no centro onde se realizase a inscrición. Neste mesmo período, os centros cargarán na aplicación informática as reclamacións que se realizasen coa finalidade de proceder á súa revisión. A cualificación definitiva publicarase o día 20 de xuño.
Emisións de certificacións.
Todas as persoas participantes nas probas de acceso poderán solicitar as certificacións de realización da proba nos centros onde as realizasen, a partir do día seguinte ao da publicación das cualificacións definitivas. No caso de superación total da proba, a certificación que o acredite dará acceso a calquera ciclo formativo de grao medio, nas condicións de admisión que se establezan.
Ás persoas que non superen a proba na súa totalidade, esta certificación permitiralles manter as cualificacións obtidas nas partes superadas en futuras convocatorias de probas de acceso a ciclos formativos de grao medio, durante un máximo de dous anos, na Comunidade Autónoma de Galicia. A certificación deberá recoller, pola súa vez, as posibles exencións outorgadas, que manterán a súa validez para futuras convocatorias, sempre que se manteñan as mesmas circunstancias.
Ciclos formativos de grao superior
A solicitude de inscrición para as probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior presentarase por duplicado na secretaría de calquera instituto de educación secundaria onde se impartan ensinanzas de ciclos formativos de formación profesional ou centros integrados de formación profesional (agás no CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro), no prazo comprendido entre os días 23 de xaneiro e o 3 de febreiro de 2012, ambos os dous incluídos, segundo o modelo do anexo II recollido na Orde do 2 de decembro de 2008 pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de formación profesional do sistema educativo. O centro que tramite a devandita solicitude deberalle entregar á persoa solicitante unha copia selada desta. Estes centros tramitarán a información referente ao alumnado participante nas probas de acceso a ciclos formativos a través da aplicación informática facilitada pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Quen desexe información puntual no relativo ás publicacións en todo o proceso do desenvolvemento das probas de acceso poderá dirixirse ao lugar onde realizase a súa inscrición, ao centro onde realice as probas ou ben á páxina web http://www.edu.xunta.es/fp, onde se publicarán as listaxes correspondentes.
A relación provisoria de persoas admitidas e excluídas para a realización da proba farase pública o día 7 de febreiro. Esta listaxe dará información sobre a documentación presentada. No caso das exclusións, farase indicación expresa do motivo que as ocasione. Poderanse presentar reclamacións contra a listaxe provisoria entre os días 8 e 10 de febreiro, ambos os dous incluídos, no mesmo centro onde se realizase a inscrición. A relación definitiva de persoas admitidas e excluídas para a realización da proba farase pública o día 15 de febreiro.
Realización das probas de acceso.
As probas de acceso aos ciclos de grao superior terán lugar o día 30 de marzo de 2012 no horario que se indica a seguir:
– Ás 9.00 horas: presentación.
Parte común da proba.
– Das 10.15 ás 13.45 horas: matemáticas, lingua galega e lingua castelá.
Parte específica da proba.
– Das 16.00 ás 18.30 horas: materias específicas da opción vinculada ao ciclo formativo ao cal se desexe acceder, segundo o anexo I desta resolución. As persoas inscritas deberán presentar, para a realización da proba, o seu documento oficial de identidade e folla da solicitude de inscrición. Os resultados das cualificacións provisorias das probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior publicaranse o día 25 de abril. Poderanse presentar reclamacións contra a cualificación provisoria os días 26, 27 e 30 de abril e 2 de maio, ante o presidente ou a presidenta do tribunal avaliador, no centro onde se realizase a inscrición. Neste mesmo período, os centros cargarán na aplicación informática as reclamacións que se realizasen coa finalidade de proceder á súa revisión. A cualificación definitiva publicarase o día 14 de maio. As persoas participantes nas probas de acceso poderán solicitar as certificacións de realización da proba nos centros onde as realizasen, a partir do día seguinte ao da publicación das cualificacións definitivas.
Certificación de superación da proba de acceso a grao medio.
As persoas que nas convocatorias de 2010, 2011 e 2012 superasen a parte sociolingüística, a parte matemática ou a parte científico-técnica na Comunidade Autónoma de Galicia, e estean en condicións, logo de rematado o proceso, de acreditar nas partes non superadas algunha das causas de exención previstas a continuación, poderán solicitar certificación de superación da proba en calquera instituto de educación secundaria onde se impartan ciclos formativos de formación profesional ou centros integrados de formación profesional, desde o día 21 de xuño ao día 28 de setembro de 2012. A emisión de certificados realizarase nos centros designados como lugares de realización das probas ou nos centros designados para emitir certificados.
Posibles exencións:
– Parte sociolingüística: superación dos ámbitos social e de comunicación dun programa de cualificación profesional inicial ou do nivel II da educación secundaria para as persoas adultas.
– Parte matemática e parte científico-técnica: superación do ámbito científico-tecnolóxico dun programa de cualificación profesional inicial ou do nivel II da educación secundaria obrigatoria para as persoas adultas.
– Parte científico-técnica:
• Superación dos módulos obrigatorios dun programa de cualificación profesional inicial. Ao abeiro da Orde do 13 de xullo de 2011, a superación dos módulos obrigatorios (específicos profesionais, con ou sen formación en centros de traballo e os formativos de carácter xeral) do primeiro curso dun programa de cualificación profesional inicial.
• Certificación de profesionalidade de calquera nivel consonte o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade.
• Acreditación, como mínimo dun ano, de experiencia laboral en xornada completa, con independencia do campo profesional en que se traballase.
Certificación de superación da proba de acceso a grao superior.
As persoas que, nas convocatorias de 2010, 2011 e 2012, superasen a parte común ou a específica na Comunidade Autónoma de Galicia e estean en condicións, logo de finalizado o proceso, de acreditar na outra parte algunha das causas de exención previstas a continuación, poderán solicitar certificación de superación da proba en calquera instituto de educación secundaria onde se impartan ciclos formativos de formación profesional ou centros integrados de formación profesional, desde o día 15 de maio ata o día 28 de setembro de 2012. A emisión de certificados realizarase nos centros designados como lugares de realización das probas ou nos centros designados para emitir certificados.
Posibles exencións:
– Parte común:
• Superación da proba de acceso a outros ciclos formativos de grao superior de réxime xeral non incluídos na opción pola que se presenta, conforme o anexo I desta resolución.
• Superación da proba de acceso a ciclos formativos de grao superior de Ensinanzas Deportivas ou de Artes Plásticas e Deseño.
– Parte específica:
• Superación dun ciclo formativo de grao medio que pertenza a algunha das familias profesionais incluídas na opción pola cal se presenta, consonte o anexo I desta resolución.
• Superación dun certificado de profesionalidade de nivel dous ou superior dalgunha das familias profesionais incluídas na opción pola cal se presenta, conforme o anexo I desta resolución.
Mais información: DOG 19 xaneiro 2012





