6° CityBlue Films Festival

Fonte: amovida.gal

O festival quere apoiar aos novos talentos, para que o cinema poida ser visto e gozado polo público en pantalla grande. Segundo a organización, “existe todo un mundo de cinema diferente, persoal, innovador e grandes talentos por descubrir e un numeroso e curioso público desexoso de coñecelo”. Por iso, todas as proxeccións serán gratuítas e o premio aos filmes gañadores consisitirá en axudas á distribución.

A primeira proxección será El Tirabeque de Darío Autrán, o venres 25 de novembro no Cine Salesianos ás 20:00. A longametraxe, filmada en Galicia, está protagonizada por Manuel Manquiña e colleitou 13 candidaturas aos Goya. Os días 30 de novembro e 2 de decembro haberá seccións dedicadas ao estudantado da Escola de Imaxe e Son de Vigo e o Colexio Miralba, respectivamente.

A traca final será do 5 ao 8 de decembro no Auditorio do Concello, con varias seccións por xornada. O luns 5 proxectaranse as longametraxes La Luz Del Faro de Pablo de la Fuente e Arredor da roda de cantigas da terra a Miro Casabella de Federico A. Rioboo; o martes 6 será a quenda da sección de curtas galegas (inclúe o documental 10 Años Discamino de Víctor Bello) e a longa peruana La Pampa de Dorian Fernández; o mércores 7 haberá curtas internacionais e a longa documental Un viaje hacia nosotros de Luis Cintora; e, para rematar, o xoves 8 proxectaranse catro curtas, tres delas galegas (destaca Sauerdogs do vigués Guillermo de Oliveira) e clausurarase o festival cunha gala e entrega de premios.

Máis información: citybluefilms.com