Youtubeiras

Os premios Youtubeiras teñen como finalidade ser acicate da creación no Youtube en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas creadoras na Rede.

Poden optar a estes premios todas as persoas maiores de 14 anos con canles de Youtube autoproducidas. No caso de que a persoa participante sexa menor de idade, esta inscrición irá acompañada da autorización do pai/nai ou titor/a legal mediante o documento que se facilita na web do proxecto Youtubeiras (www.youtubeiras.gal).

As canles de Youtube inscritas ao concurso teñen que:
– Ter como mínimo un vídeo subido a partir do 22 de outubro do 2021 co cancelo #youtubeiras.
– Non ter restricións de privacidade.
– Os títulos, as descricións e os subtítulos permanentes (de habelos) teñen que estar en galego.
– Estes vídeos poden conter subtítulos de activación opcional no Youtube noutras linguas.

As canles de Youtube presentadas deben ter a maioría dos vídeos en galego.
Non se poden presentar listas de reprodución aos premios.
Fican expresamente excluídos os traballos que promovan unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva.

prazo para inscribir as canles nos Premios Youtubeiras é do 27 de setembro de 2022 ao 15 de novembro de 2022 ás 23.59 h. A participación está aberta ao ámbito internacional e é de balde.
As persoas participantes deben inscribirse a través do formulario que figura na web www.youtubeiras.gal e indicar a URL da canle.
Cada creador/a pode inscribir máis dunha canle.

Establécense 8 premios: 7 valorados en 1000 € e un de 500 €. Un total de 7500 € en premios.

Os premios son:

CANLE, dotado con 1000 €. Optan a este premio as canles inscritas. Valorarase a calidade dos contidos, a calidade lingüística, a creatividade, a periodicidade dos contidos, a creación e o mantemento de comunidade (uso doutras redes sociais, identidade da canle e imaxe coidada, colaboracións, creacións colectivas…) e a repercusión do contido no Youtube, noutras redes sociais e nos medios de comunicación.

YOUTUBEIRA/O, dotado con 1000 €. Optan a este premio as persoas creadoras das canles inscritas. Valorarase a capacidade da/o youtubeira/o de crear contido de referencia, a súa capacidade comunicativa, a súa calidade lingüística e creativa. Tamén se valorará a calidade dos contidos, a súa periodicidade e a súa repercusión na sociedade.

YOUTUBEIRA/O REVELACIÓN, dotado con 1000 €. Poderán optar a este premio todas aquelas persoas que non se inscribisen nos Premios Youtubeiras nin fosen propostos no Premio do Público en ningunha das edicións e que presenten unha canle que conteña polo menos un vídeo subido logo do 22 de outubro de 2021. Valorarase a capacidade de xerar novas temáticas, ideas, formatos e contidos.

VÍDEO, dotado con 1000 €. Optan a este premio os vídeos que compoñen as canles presentadas e que están subidos entre o 22 de outubro de 2021 e o 15 de novembro de 2022. Valorarase a calidade dos contidos, a calidade lingüística, a creatividade e a capacidade de transmitir a mensaxe.

CALIDADE LINGÜÍSTICA, dotado con 1000 €. Optan a este premio as canles inscritas. Valorarase a calidade e o coidado da lingua na canle (en todas as súas variantes dialectais) a nivel fonético, gramatical e lexical.

PIONEIRO, dotado con 1000 €. Optan a este premio as canles inscritas. Valorarase o feito de que se introduza a lingua galega nun campo no que é pouco usada no Youtube.

REDE, dotado con 1000 €. Optan a este premio as canles inscritas. Volararanse aquelas canles que teñan a capacidade de crear e fortalecer a rede virtual (crear comunidade a través do Youtube e doutras redes sociais vinculadas) ou a rede real (crear vídeos de xeito colectivo e/ou promovidos polo tecido asociacionista).

DO PÚBLICO, dotado con 500 €. Este premio outorgaráselle ao vídeo máis votado proposto polo público. Resultará gañador aquel vídeo que despois dun proceso de votación na Rede e da ratificación do xurado, consiga máis votos (ver anexo específico para o premio do público).
Cada persoa participante só pode recibir un premio e ser finalista en dúas categorías. Ningún dos premios quedará deserto. Todas as categorías terán tres finalistas. Pode haber premios compartidos se o xurado así o considera.

Poderán facerse as propostas do Premio do Público a través do formulario que está habilitado na web (www.youtubeiras.gal). O vídeo gañador dependerá das votacións do público e non do número de veces que foi proposto a través do formulario habilitado para propoñer candidaturas neste premio.
Os vídeos propostos polo público deben reunir os mesmos requirimentos especificados nas bases xerais:

Con todas as propostas recibidas crearase un formulario de votación que se difundirá nas redes sociais do proxecto e que estará habilitado dende o 18 ao 25 de novembro de 2022 ás 23.59 h.

Os 3 vídeos que reciban máis votos nese prazo serán os finalistas do Premio do Público e o xurado ratificará a dita votación atendendo as bases xerais.

O Premio do Público está valorado en 500 €.

Máis información https://youtubeiras.gal/Bases/ 

Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, Moaña, Negreira, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e O Grove, a Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.