A biblioteca do MARCO retoma o club de lectura o 23 de outubro

Abel Caballero informou do reinicio da acción do MARCO como “biblioteca centrada, especializada e versada sobre arte moderna e contemporánea” co desenvolvemento, a partir do venres 23 de outubro, das sesións do club de lectura, cun máximo de nove participantes en cada grupo.

A primeira sesión coincide co Día da Biblioteca e as seguintes irán desenvolvéndose en tres grupos e días diferentes para os que é preciso realizar unha inscrición previa, cuxo prazo comeza o primeiro de outubro. A actividade é gratuíta.

Tal e como expuxo o rexedor, a biblioteca-centro de documentación do MARCO, proporciona información bibliográfica, hemerográfica e audiovisual sobre a arte do século XXI no mundo e na cidade de Vigo. Conta cun fondo bibliográfico de case 7.000 publicacións entre monografías, catálogos de artistas e colectivos amais de hemeroteca de revistas especializadas.