A Xunta de Galicia convoca axudas a persoas menores de 35 anos para a adquisición de vivendas protexidas
Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que reúnan os seguintes requisitos:
a) Posuíren a nacionalidade española ou, no caso de seren estranxeiras, teren a residencia legal en España.
b) Seren adquirentes ou adxudicatarias, en primeira transmisión, dunha vivenda de protección autonómica de réxime xeral ou especial de nova construción ou procedente da rehabilitación, cualificada definitivamente na data de publicación desta resolución.
c) Teren subscrito con posterioridade ao 30 de setembro de 2022 un contrato privado de compravenda da vivenda, visado pola área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda ou, de ser o caso, unha escritura pública de compravenda que conteña as cláusulas obrigatorias derivadas da cualificación definitiva da vivenda.
A contía da axuda para a adquisición de vivenda será a seguinte:
a) No caso de vivendas situadas en municipios de prezo máximo superior, ata 20.000 euros por vivenda, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 35 anos, e ata 16.000 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas maiores de 35 anos.
b) No caso de vivendas situadas nos restantes municipios de Galicia, ata 16.000 euros, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 35 anos, e ata 12.000 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas maiores de 35 anos.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 2 de outubro de 2023 e as solicitudes poden tramitarse en https://sede.xunta.es co procedemento VI420C
Máis información no DOG do 5 de xullo de 2023 e en https://igvs.xunta.gal/portada