Axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución das clases B e C á mocidade galega

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas as persoas mozas que na data de presentación da solicitude:

– Teñan cumpridos os 18 anos, sen prexuízo da idade mínima para a obtención do permiso de clase C.

– Estean empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima dun ano.

– Estean inscritas no SNGX e figuren como beneficiarias no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Estean matriculadas nunha autoescola da Comunidade Autónoma de Galicia no momento de presentaren a solicitude ou ben teñan o/os permiso/s para o/os que se solicita a axuda con data de expedición entre o 1 de xaneiro de 2020 e a data de presentación da solicitude.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras das axudas para a obtención dos permisos de condución das clases B e C por parte das persoas mozas residentes en Galicia, coa finalidade de mellorar a súa autonomía, mobilidade e a súa empregabilidade.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 26 de febreiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución das clases B e C á mocidade galega, dirixidas ás persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS321A).

Cuarto. Contía

A contía global da convocatoria é de 761.780,39 euros, cofinanciada pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo cunha porcentaxe do 91,89 %.

O importe da axuda será de 400 euros para a obtención do permiso de condución de clase B e de 650 € para o permiso de clase C.

O importe da axuda será acumulativo no caso de que unha mesma persoa solicite axuda para a obtención de ambos os permisos obxecto da orde.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia e estará aberto ata o día 31 de xullo de 2020, salvo que se produza con anterioridade o esgotamento do crédito orzamentario dispoñible.

O esgotamento do crédito dispoñible será publicado na páxina web xuventude.xunta.es e no Diario Oficial de Galicia. A partir dese momento non se admitirán novas solicitudes.

Sexto. Outros datos

O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, ao non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas, e concederánselles a todas aquelas persoas solicitantes que reúnan os requisitos exixidos.

Faránselles anticipos de pagamento do 80 % a aquelas persoas que, unha vez notificada a resolución de concesión da axuda, o soliciten expresamente.

O gasto subvencionable é a suma global (importe a tanto global) de obtención dos permisos de condución obxecto da orde. A xustificación do custo de obtención do/dos permiso/s de condución e do seu pagamento farase conforme a regulación de custos simplificados, en función da xustificación da obtención do/dos permiso/s de condución obxecto da solicitude.

A xustificación da axuda presentarase con data límite do 20 de outubro de 2020.

+Info: DIARIO OFICIAL DE GALICIA