Canal de Whatsapp Xuventude

Canal de WhatsApp Xuventude

Se tes entre 18 e 30 anos seguro que sabes que podes beneficiarte de numerosos descontos en comercios, actividades de ocio e transportes grazas ao Carné Xove. Seguro que sabes que podes acceder a bolsas para os teus estudos, para realizar prácticas formativas en Europa e mesmo viaxes a países tan interesantes como Xapón. Seguro que tamén coñeces os premios, certames e concursos nos que recoñecemos a creatividade e o talento xuvenil. E, por suposto, sabes que tes ao teu alcance numerosas accións de voluntariado e que mesmo podes desfrutar de estadías de fin de semana no rural galego cargadas de aventuras… ¿Ou non o sabías?

Se non sabías nada disto ou, se aínda coñecendo toda esta oferta, queres apuntarte antes que ninguén, esta mensaxe seguro que che interesa.

En breve, desde a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, poñeremos en marcha por primeira vez un canal de WhatsApp a través do cal daremos a coñecer todos os programas, novidades e futuras accións nas que podes participar como persoa nova. Ao mesmo tempo, responderemos tamén a todas as túas dúbidas, preguntas e inquedanzas.

Para poder sumarte a esta iniciativa precisamos o teu consentimento expreso, simplemente enviando un mail ao enderezo: xuventude-informacion.politicasocial@xunta.gal, indicándonos o teu número de móbil.

No asunto debes poñer: WhatsApp de Xuventude.

Esperamos recibir pronto noticias túas.