A Xunta de Galicia convoca o certame Cooperativismo no ensino.
O certame Cooperativismo no ensino ten por obxecto difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, ESO, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial de Galicia, impulsando a realización de actividades de fomento do cooperativismo nos centros educativos.
No desenvolvemento das actividades deberanse potenciar e propiciar os valores e principios que inspiran o cooperativismo, tales como a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva ou a solución de conflitos de forma pactada.
Modalidade de actividades artísticas
– O alumnado dos centros de educación infantil, primaria e educación especial poderá presentar a este concurso calquera produción artística en modalidade gráfica ou audiovisual, tal como debuxos, pinturas, maquetas, fotografías, vídeos ou calquera tipo de creación dixital, realizados de forma colectiva, nos cales que se reflicta a posta en práctica dos valores e principios cooperativos.
– En cada traballo deberán participar, como mínimo, tres alumnos ou alumnas.
– Categorías:
a) Categoría A: alumnado de 2º ciclo de educación infantil.
b) Categoría B: alumnado de 1º e 2º de educación primaria.
c) Categoría C: alumnado de 3º e 4º de educación primaria.
d) Categoría D: alumnado de 5º e 6º de educación primaria.
Modalidade de actividades cooperativizadas
O alumnado dos centros de ESO e de educación especial poderá presentar a este concurso as memorias de actividades realizadas cooperativamente por grupos de alumnos ou alumnas. As actividades poderán consistir, entre outras, na creación de cooperativas escolares, organización de eventos ou festivais, obras de teatro, campionatos deportivos, xornais, páxinas web, programas de radio ou actividades de voluntariado.
– En cada traballo deberán participar, como mínimo, tres alumnos ou alumnas.
Modalidade de proxectos empresariais cooperativos
– O alumnado dos centros educativos que impartan formación profesional específica e ensinanzas de réxime especial, nos cales se realizasen actividades de fomento e divulgación do cooperativismo, poderá presentar a este concurso os proxectos empresariais elaborados por eles, baixo a modalidade de proxectos empresariais cooperativos.
– Na elaboración de cada proxecto deberán participar, como mínimo, tres alumnos ou alumnas, que deberán estar dirixidos por un profesor ou profesora, ou un director ou directora.
Premios:
Os traballos presentados á modalidade de actividades artísticas e á modalidade de actividades cooperativizadas poderán optar aos seguintes premios:
– Un premio ao mellor traballo de cada categoría: os centros de ensino premiados recibirán 2.500 euros destinados á adquisición de material didáctico, audiovisual, informático ou deportivo, así como á celebración dunha actividade formativa, cultural, deportiva dirixida ao alumnado do centro.
– Un accésit por cada categoría: os centros de ensino premiados recibirán a cantidade de 1.500 euros destinados á adquisición de material didáctico, audiovisual, informático ou deportivo, así como á celebración dunha actividade formativa, cultural, deportiva dirixida ao alumnado do centro.
Os traballos presentados á modalidade de proxectos empresariais cooperativos, dirixida ao alumnado dos centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial, poderán optar aos seguintes premios:
Un premio ao mellor proxecto empresarial cooperativo coa seguinte dotación:
– Un premio de 4.500 euros, que se repartirá entre o alumnado que elaborou o proxecto premiado.
Un accésit coa seguinte dotación:
– Un premio de 3.500 euros, que se repartirá entre o alumnado que elaborou o proxecto finalista.
O prazo de presentación dos traballos estará aberto ata o día 30 de abril de 2025.
As solicitudes presentaranse en https://sede.xunta.es/ co formulario TR802O
Máis información no DOG do 31 de xaneiro de 2025 e en http://www.edu.xunta.gal/