Challenge STEM para bacharelato e ciclos formativos de FP

O Campus Industrial de Ferrol abre o prazo de inscrición para participar no Challenge STEM, un xogo inmersivo e colaborativo dirixido a alumnado de Bacharelato da rama científica e de ciclos superiores de FP de toda Galicia. A través dunha plataforma web, o estudantado terá que resolver os catro retos propostos para este desafío polo profesorado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI).

O alumnado participante, dividido en grupos de non máis de seis persoas, competirá, colaborará e traballará durante catro semanas para resolver os enigmas dun buque de metano que está atracado na ría de Ferrol, o Mozah. Este desafío porá a proba os seus coñecementos en materias como as matemáticas, o cálculo, a física, a química, as ciencias e a tecnoloxía. Para levalo a cabo, contarán co apoio do profesorado do seu centro e poderán solicitar pistas puntuais durante todo do desafío.

Os cinco equipos que acaden a maior puntuación clasificaranse para a final presencial que terá lugar o venres 11 de novembro no Campus Industrial de Ferrol.

A inscrición no Challenge STEM poderá formalizarse vía web ata o venres 2 de outubro.

O Challenge STEM desenvolverase do 3 ao 28 de outubro.