Colabora como observador/a do medio mariño galego

A Rede de observadores do medio mariño galego (Redogal) é unha ferramenta da Xunta de Galicia para o seguimento e vixilancia da vida mariña de Galicia.

As condicións do medio mariño sofren continuos cambios xa sexan naturais ou inducidos polo home. Os seres vivos actúan como bioindicadores destes cambios dos ecosistemas, polo que é necesario establecer unha rede de seguimento e vixilancia da vida mariña utilizando como ferramenta o concepto de “Ciencia cidadá”.

O obxectivo principal da rede é detectar e avaliar a presenza de especies mariñas que puideran ser indicadoras de cambios ou alteracións do ecosistema mariño. Isto inclúe tanto a presenza de especies raras ou pouco frecuentes como alteracións nas especies xa coñecidas (cambios na distribución ou na abundancia, malformacións, presenza de parásitos, etc.)

Como podes axudar?
Podes enviar os teus avisos a través da súa páxina web ou coa aplicación para dispositivos móbiles dispoñible tanto para Android como iOS.

O seguimento de especies mariñas en augas galegas é de vital importancia para o estudo do seu impacto sobre o noso ecosistema. Participa neste proxecto colaborativo reportando avistamentos, estarás contribuíndo a crear unha ferramenta de gran interés científico.

https://redogal.xunta.gal/gl