Conecta Lab

Proxectos audiovisuais de creadores de Vigo, A Estrada, A Fonsagrada, Castelló, Lleida e Madrid participarán entre o 19 e o 29 de abril na illa de San Simón na residencia e laboratorio creativo Conecta Lab, impulsado pola  Deputación de Pontevedra xunto con CREA (Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización), AGADIC (Axencia Galega de Industrias Culturais) e DAMA (a única entidade española especializada na xestión de dereitos de autor de obras audiovisuais).  “Trátase de proxectos audiovisuais que responden a unha ampla variedade de propostas que van desde a comedia ao cinema autoral e experimental, o drama ou o documental”, asegurou a vicepresidenta provincial, Marta Fernández-Tapias.

Cinco dos proxectos foron seleccionados entre as 200 persoas que se presentaron á convocatoria de Conecta Lab. Trátanse dos vigueses Gon Caride e Sara Traba; Berio Molino, da Fonsagrada; Patricia Echeverría, de Madrid; e Marina Rubiés, de Lleida. Pola súa banda, un proxecto do estradense Samuel Lema, do castellonenco Jorge Navarro e da madrileña Elena Martínez foi escollido por profesionais da produción entre os 22 participantes que asistiron á novena xornada Conecta+, que acolleu o pasado sábado a Sede da Deputación en Vigo.

Gon Caride participará no Conecta Lab coa súa primeira longametraxe: La increíble historia de cómo un balde de agua destruyó un edificio. Trátase dunha comedia que arranca con Rosa, unha muller de sesenta anos que se levanta todas as noites de madrugada para ir ao baño e que, para non facer ruído que moleste as e os veciños, verte un cubo de auga polo retrete. O que Rosa non sabe é que, unha noite, ao baleirar o cubo de auga inicia unha reacción en cadea que, en oito minutos, rematará por provocar a destrución do edificio.