Correspondentes universitarios/as nas universidades de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela

A Consellería de Política Social e Xuventude, en colaboración coas universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña, favorece a difusión da información xuvenil entre o alumnado  universitario a través do programa Correspondentes universitarios/as.

Este programa pretende difundir os programas, accións e iniciativas que a Xunta de Galicia e as universidades ofrecen á mocidade galega, así como outra información de interese, entre o alumnado das tres universidades. Serán os propios estudantes, como correspondentes universitarios/as, os encargados/as de transmitila, o cal favorece a súa participación activa tanto na elaboración como na difusión da información entre iguais.

Funcións das e dos correspondentes universitarias/os:
– Difundir entre o alumnado información sobre os programas e iniciativas para a xuventude que promova a Xunta de Galicia, as universidades e aqueles outros de interese que os mozos e mozas poidan coñecer a través dos medios ao seu alcance como redes sociais, medios de comunicación, páxinas web, etc.
– Xestionar regularmente un taboleiro ou sistema de divulgación da información no centro que lle asigne a Universidade que corresponda.
– Asistir ás reunións de coordinación que se convoquen, así como aos cursos de formación organizados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación ou Voluntariado (en adiante DXXPV) ou as universidades, destinados ás e aos correspondentes universitarios/as.
– Organizar unha xornada de información xuvenil nalgún emprazamento do seu campus universitario, baixo o acompañamento e supervisión da DXXPV.
– Aquelas outras que supoñan a mellora na achega de información á mocidade.

Beneficios das e dos correspondentes universitarias/os:
– Recibir información xuvenil de interese para a comunidade universitaria.
– Recibir gratuitamente formación en materia de información xuvenil.
– Recibir gratuitamente o carné de alberguista, se lles interesa.
– Recoñecerlles o tempo dedicado como persoas voluntarias, así como a experiencia e competencias adquiridas, a través dun certificado de educación non formal en materia de xuventude.
– A USC expedirá unha certificación ao seu alumnado que acredite a participación en Correspondentes Universitarios para a solicitude de ata un máximo de 3 créditos, coa correspondencia de 1 ECTS por cada 25 horas, unha vez completado o protocolo por ela fixado.
– A UDC expedirá unha certificación aos seus estudantes que acredite a participación en Correspondentes Universitarios para a solicitude de ata un máximo de 3 créditos, coa correspondencia de 1 ECTS por cada 10 horas, por participación en actividades universitarias.
– A Universidade de Vigo convalidará ao seu alumnado o tempo de participación no programa por ata un máximo de 6 créditos, coa correspondencia de 1 ECTS por cada 30 horas, a partir do certificado expedido pola DXXPV.

Requisitos/obrigas das persoas solicitantes: 
– Manter a condición de estudante dalgunha das titulacións das universidades de Santiago de Compostela, Vigo ou A Coruña durante todo o curso 2022/2023.
– Ter un máximo de 30 anos no momento da solicitude.
– Describir a motivación/razón pola que se inscriben no programa.
– Asistir, como mínimo, ao 80% das reunións de coordinación e seguimento convocadas pola DXXPV para poderen acreditar a súa participación como correspondentes no final do curso. Só se permitirán excepcións por causas médicas ou académicas debidamente xustificadas. A DXXPV emitirá un certificado oficial de asistencia a reunións ou actividades vinculadas ao programa para a súa xustificación ante unha posible ausencia académica.
– Organizar unha xornada de información xuvenil nalgún emprazamento do seu campus, baixo o acompañamento e supervisión da DXXPV. Unha data orientativa é a do 17 de abril, Día Europeo da Información Xuvenil.
– Cumprir os requisitos específicos que estableza cada Universidade para estes efectos. No caso da USC, para o recoñecemento do traballo dos Correspondentes Universitarios esíxese que estean inscritos no Rexistro de Persoal Voluntario desta institución. Para a solicitude de créditos, ata un máximo de 3 ECTS por ano académico, o alumnado participante deberá ter realizada a formación segundo o protocolo que se recolle no Acordo do Consello de Goberno da USC para o recoñecemento de créditos nos estudos de grao ao abeiro do artigo 12.8 do RD1393/2007 do 5 de xullo de 2016 xunto coa formación básica en materia de información xuvenil proporcionada polos técnicos da DXXPV.

solicitude de participación farase a través do seguinte FORMULARIO

prazo para solicitar a participación no programa estará aberto ata o 17 de outubro de 2022.

Anímate a participar!!