DEPO_ESCOLAS

Estas bases teñen por obxecto regular o programa “DEPO_ESCOLAS” para o curso 2021/2022, que a Deputación de Pontevedra desenvolve en colaboración e coordinación coas federacións deportivas para contribuír ao desenvolvemento e fomento da actividade deportiva en idade escolar.

As escolas estarán destinadas a nenas e nenos en idade escolar que residan na provincia de Pontevedra. As modalidades dispoñibles por concello para cada tramo de idade, así como os horarios, publicaranse na páxina Web da Deputación de Pontevedra.

Para os efectos destas bases considérase deporte en idade escolar a práctica deportiva organizada e voluntaria por parte da poboación en idade escolar, que debe ser preferentemente polideportiva e garantir que os deportistas coñezan o exercicio de diversas modalidades deportivas de acordo coa súa aptitude física e idade.

Para o curso 2021/2022 ofertaranse 9 modalidades deportivas:

• Atletismo

• Baloncesto

• Balonmán

• Judo

• Loita

• Patinaxe

• Piragüismo

• Rugby

• Taekwondo

A solicitude de inscrición deberá realizarse preferentemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal).