Descubreas, proxecto de talento musical feminino

O proxecto de talento musical feminino Descúbreas, impulsado pola Deputación de Pontevedra publica en plataformas dixitais os temas das oito rapazas que reciben asesoramento e formación na segunda convocatoria de Descúbreas.

Todas as pezas están xa dispoñíbeis para o público nas principais plataformas dixitais de streaming de audio e vídeo.

Caro (Carolina Lemos) reflexiona no seu debut Despiértate sobre as inseguridades dunha persoa adolescente que se ten que enfrontar á decisión, á hora de formular o seu futuro máis inmediato, de seguir os seus soños ou polo contra ir cara ao seguro.

Amparo estréase de xeito profesional na industria musical co tema Cosas de Descartes.

Marina Vigo foi a primeira participante en estrear o seu tema como integrante da banda Cantometrics. Chifro é unha proposta que recupera o arquivo sonoro de Alan Lomax substituíndo o chifre pola gaita, acompañada de marimba, acordeón e percusións.

Silencio é o título do tema de Sara Casas, un clamor pola necesidade de buscar a harmonía vital, de conectar coa natureza de forma espiritual e consciente.

Sara Baños forma coa tamén viguesa María Lago a banda Todo mal, que gravaron no marco de Descúbreas o seu sinxelo Guiri en mi ciudad.

A Riso é o nome artístico de Alba Nogueira, que acaba de estrear no marco de Descúbreas o seu tema I eu?, un canto á resistencia e á loita pola defensa dunha voz propia para as mulleres no ámbito das artes.

Impuntual é o título do tema lanzado por María Gabeiras, unha balada pop sobre a manchea de oportunidades que se lle pode dar a unha persoa sen que esta as aproveite.

Ane Swan lanza a súa carreira con só 16 anos e estréase cun tema en inglés: Queen among shadows.

A través de “Descúbreas”, desenvolvido en colaboración con Regalamúsica, a Deputación de Pontevedra actúa para reducir a fenda de xénero na industria musical dándolle a oportunidade a 8 rapazas e mozas da provincia a formarse e dar os seus primeiros pasos profesionais neste ámbito. A mentorización inclúe a gravación dun tema e dun vídeo musicais e a planificación e promoción do seu lanzamento real ao mercado.