Exposición EMOCIÓNS EN PERIGO. Fotografías de Tim Flach, en Vigo

Nova mostra ao Teatro Afundación de Vigo sobre natureza e emocionalidade. O gran fotógrafo dos animais, Tim Flach, é o autor das incribles imaxes que podes ver desde o 8 de febreiro ao 14 de abril

TIM FLACH (Londres, 1956) quere promover a través da súa obra unha sociedade máis concienciada, formada e sensible coa necesidade de incorporar a sostibilidade a todos os aspectos da nosa vida. «O noso futuro depende diso», defende o fotógrafo. 

Na súa dilatada traxectoria, Tim Flach traballou con entidades da talla do National Media Museum en Reino Unido, o Museo de Historia Natural de Suecia, National Geographic ou o xornal The New York Times. É membro honorario da Royal Photographic Society e recibiu o Premio Honorario Doutoramento da Universidade das Artes de Londres. Na actualidade é presidente da Asociación de Fotógrafos Británicos e Europeos (AOP).

En risco de extinción
A exposición «Emocións en perigo» reúne imaxes do proxecto de Flach Ameazados, que levou o fotógrafo a retratar especies en extinción en todo o mundo. En lugar de enmarcalos no seu hábitat natural, Tim Flach optou por retratalos sobre fondos neutros, salientando a personalidade de cada especie e mostrando nalgúns casos actitudes e emocións que habitualmente asociamos aos seres humanos. «Tratei de tender unha ponte e convidar á igualdade creando retratos de animais cun estilo de representación xeralmente asociado cos humanos para salientar o seu carácter e personalidade», sostén Flach.

Na exposición, Tim Flach incorpora información específica da situación e os perigos que ameazan cada unha das especies retratadas. Cada retrato está acompañado por unha ficha informativa elaborada pola maior organización ambiental de todo o mundo, a UICN (Unión Internacional para a Conservación da Natureza). A información da UICN sinala o nivel de risco de extinción no que se atopa esa especie segundo a lista vermella desta organización. Ademais do nome científico, e da zona xeográfica á que pertence cada animal, os retratos están acompañados dun texto explicativo sobre a súa especie.