I Premio Álvaro Cunqueiro de Novela

O Concello de Mondoñedo en colaboración coa Casa Museo Álvaro Cunqueiro e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade convoca este certame coa finalidade de honrar a memoria do escritor Álvaro Cunqueiro e, asemade, axudar á promoción da escrita literaria en lingua galega e á divulgación das súas autoras e autores.

Poderán concorrer todos os autores e autoras que presenten orixinais escritos en lingua galega de acordo coa normativa da RAG. As novelas presentadas deberán ser inéditas e totalmente orixinais e non poderán ter sido publicadas ou divulgadas, en todo ou en parte, en medio físico ou dixital ningún, nin tampouco teren sido premiadas en ningún outro certame.

Os orixinais presentaranse por sextuplicado, impresos a espazo e medio, con letra arial 12, as páxinas numeradas e encadernados en rizo. Estes deberán remitirse antes do 18 de outubro do 2022 ao seguinte enderezo:
  Concello de Mondoñedo, Praza do Concello, I
  27740 Mondoñedo. Lugo
No paquete de envío deberá figurar claramente a indicación “I Premio Álvaro Cunqueiro de Novela”.

Xunto á novela, que deberá presentarse baixo lema, enviarase un sobre pechado que leve escrito por fóra “I Premio Álvaro Cunqueiro de Novela”. No seu interior figurarán o título da novela e o lema, ademais do nome completo e DNI, enderezos postal e electrónico e teléfonos de contacto do autor ou autora.

O premio terá unha dotación de 9.000 euros que se outorgará indivisiblemente nun único premio.
O Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro resérvanse os dereitos de publicar a obra premiada tanto en galego coma en calquera outra lingua, en formato físico e dixital ata un máximo de 4.000 exemplares. Neste sentido, o autor ou autora renuncia en favor do Concello e a Casa Museo, na primeira edición, a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor. A obra premiada será publicada pola Editorial Galaxia, quen asinará, á súa vez, un contrato de autoría estándar que rexerá a relación contractual entre as partes se se supera o número de exemplares amentado.

https://www.lingua.gal/c/document_library/get_file?folderId=1647067&name=DLFE-23919.pdf