II Certame de Fotografía Compostela Photo

Compostela Photo é un Festival Urbano de Fotografía que se desenvolve na cortorna urbana do Ensanche compostelán dentro da programación Xacobeo 21-22 da Xunta de Galicia, cun formato expositivo moi singular que invita ao paseante a descubrir as obras de 15 creadores nos portóns doutros tantos garaxes. Esta mostra de fotografía en gran formato cuxa temática xira en torno aos diferentes valores simbólicos que envolven ao Camiño de Santiago, interpretados a través da mirada dos seus autores, compleméntase cunha programación que inclúe visitas guiadas, percorridos fotográficos pola cidade e polo Camiño, un certame de fotografía aberto á participación de profesionais e afeccionados, unha exposición on line, intervencións en diferente mobiliario urbano e moito máis para que tanto os veciños de Compostela como os visitantes e peregrinos poidan gozar da cidade a través da fotografía contemporánea.

A Fundación Santiago Centro, Área Comercial convoca o II Certame de Fotografía Compostela Photo, co obxectivo de contribuír á difusión e promoción da arte da fotografía a través de novas miradas sobre os valores históricos e universais do Camiño de Santiago.

Poderán participar neste certame todas aquelas persoas maiores de 18 anos, nacidas ou residentes en calquera lugar do mundo, en calidade de profesionais ou afeccionados á fotografía.

A temática das fotografías estará relacionada cos valores naturais, históricos, espirituais, culturais, artísticos ou humanos do Camiño de Santiago.
Cada candidato/a poderá participar cun máximo de 3 fotografías, que se presentarán en formato dixital, cunha resolución de 300 ppp.

O prazo de presentación estará aberto ata o día 10 de novembro de 2022.
As imaxes e demais documentación requirida enviarase por correo electrónico a compostelaphoto@santiagocentro.gal, indicando “Certame Compostela Photo”.
A web compostelaphoto.santiagocentro.gal aloxará a exposición online cunha galería de imaxes propia, baixo o título exposicion online, na que se exhibirán as fotografías seleccionadas así coma toda a información relativa á súa autoría.
Do total das fotografías seleccionadas elixiranxe cinco que participarán na exposición urbana nos portóns dos garaxes.