II Premios Galicia de Acción Voluntaria

A Xunta de Galicia convoca a segunda edición dos Premios Galicia de Acción Voluntaria para recoñecer publicamente o labor solidario de persoas e organizacións durante este ano 2021. O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a nova convocatoria deste certame, que ten tres modalidades dotada cada unha delas de 4.000 euros: galardón á persoa voluntaria, á entidade de acción voluntaria do ano e ao mellor proxecto de acción voluntaria, levado a cabo por unha organización de xeito individual ou por varias de maneira conxunta.

As entidades e persoas interesadas en concorrer a estas distincións, teñen a partir de mañá un mes de prazo para presentar as súas candidaturas, e deberán facelo preferiblemente a través da sede electrónica da Xunta. Só se permitirá unha candidatura por cada modalidade e entidade.

As propostas candidatas terán que achegar co impreso de solicitude unha memoria do proxecto ou traxectoria; documentación oficial acreditativa dos méritos que alega emitida por organismo público ou privado, tal como diplomas e certificados; unha relación das actividades realizadas e calquera outra documentación que a persoa solicitante considere de relevancia, como por exemplo: apoios á súa candidatura.

O exame e valoración das candidaturas correrá a cargo dun xurado formado por un máximo de 11 membros que serán designados entre persoas destacadas no ámbito institucional e social.

+Info: DIARIO OFICIAL DE GALICIA