Nova ordenanza Municipal de praias (prohibido fumar na praia)

O Pleno do Concello deu luz verde á nova Ordenanza reguladora do uso e goce dos areais do termo municipal de Vigo co voto favorable do grupo socialista e a abstenciónsdos grupos popular e mixto e do concelleiro non adscrito.

A concelleira de Medio Ambiente, Nuria Rodríguez, expuxo na sesión plenaria que a prioridade da ordenanza é manter os areais nas máximas condicións de limpeza, hixiene e seguridade; vixiar o cumprimento das normas do Estado sobre salvamento e seguridade e explotar coa máxima calidade os servizos de praia, no marco das competencias municipais sobre esta materia que se restrinxen á “salubridade e seguridade”. A ordenanza inclúe a “decisión pioneira de prohibir fumar na praia” co fin de promover unha vida saudable.

A edil destacou o investimento municipal en material de salvamento e socorrismo, sendo Vigo a “única cidade de Galicia que fixo o esforzo de ampliar o servizo fóra de temporada” de verán e o “éxito” do servizo de atención ao baño das persoas con dificultade para acceder ás augas, engadindo a importancia de que as praias máis concorridas dispoñan de transporte medicalizado e que os areais vigueses conten con máis de 50 persoas conformando o servizo de socorrismo e salvamento, aos que se suman os efectivos de Policía Local e Protección Civil.