Novo portal web do Carné Xove

O carné xove é unha tarxeta persoal para a mocidade galega expedida pola Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social. Con este documento, as persoas usuarias poden acceder a unha chea de descontos e vantaxes en múltiples entidades e establecementos en Galicia, no resto das comunidades autónomas e nos 40 países europeos adheridos ao programa Carné Xove Europeo (European Youth Card).

Dende o 2021, o carné xove é gratuíto e ten vixencia indefinida entre as idades de 12 a 30 anos, ambos os dous inclusive, polo que xa non é preciso renovalo.

Neste sentido, no 2021 a Xunta de Galicia enviou o carné xove ao domicilio de todas as persoas potencialmente usuarias, máis de 400.000 mozos e mozas. Polo tanto, xa non é necesario nin solicitalo nin pagalo para telo.

-No caso das persoas que xa tiñan o carné (coa imaxe antiga), recíbeno no seu domicilio con todos os datos cubertos e xa plenamente operativo.

-No caso das persoas que nunca tiveron o carné ou que o teñen caducado dende hai moito tempo, recíbeno no seu domicilio cos tres primeiros campos cubertos (nome e apelidos, data de nacemento e data de caducidade). Para que o carné estea operativo, é necesario activalo.

+Info: CARNÉ XOVE