O Concello abre a convocatoria para proxectos artísticos expositivos nos museos de Vigo

O Concello potenciará a rede municipal de museos coa apertura da convocatoria para proxectos expositivos no Casa das Artes e na Casa Galega da Cultura. O prazo de presentación das obras remata o 9 de xuño.

Segundo informou o alcalde, esta convocatoria faise en réxime de concorrencia competitiva, co obxectivo de dar cabida a novos artistas, dar oportunidades a xestores culturais profesionais e consolidar os espazos museísticos da cidade.

Na convocatoria explícase que a orientación dos proxectos presentados debe xirar en torno á contemporaneidade. Segundo explicou Abel Caballero, isto permitirá reforzar as sinerxías co MARCO e a Fundación Laxeiro, para establecer un amplo espazo de creación, innovación e discusión sobre a arte contemporánea.

A Casa Galega da Cultura e a Casa das Artes serán espazos diferenciados. O primeiro espazo servirá de escaparate para os artistas emerxentes, menores de 35 anos, e que poderán expoñer en calquera das disciplinas relatadas nas bases. Na Casa das Artes haberá exposicións temporais de comisarios, xestores culturais e outros axentes activos profesionais.