Oferta formativa do servizo Quérote+ dirixida a concellos e asociacións

A Xunta publicou a nova oferta formativa do servizo Quérote+ dirixida a concellos e asociacións. Cada entidade poderá solicitar os obradoiros que lle resulten de interese para un mínimo de dez persoas cubrindo o formulario dixital e poderán elixir entre dous formatos: presencial e virtual.

Ofértanse un total de sete obradoiros dirixidos á xuventude de entre 14 e 30 anos ou a familias con menores a cargo. Entre as novidades deste ano atópanse os cursos Re Conecta, para a xestión do mundo dixital e a adicción ás novas tecnoloxías; Cultivando a autoestima, obradoiro para o crecemento persoal e o autoconcepto; e Recalculando a ruta, para a xestión emocional tras os efectos da covid-19.

Estes tres proxectos novidosos súmanse aos xa impulsados con anterioridade: Falando da sexualidade, sobre a educación sexual; Divers@s, sobre o proceso de sexualización; O coidado dos vínculos afectivos, para a xestión equilibrada das relacións afectivas; e Redes Familiares no que se avoga polo traballo conxunto e integral cos diferentes axentes educativos implicados directa ou indirectamente no proceso de ensino-aprendizaxe.

http://xuventude.xunta.es/querote-mais