Olloboi 2022

Olloboi é un festival audiovisual de curtametraxes dirixido a todos os niveis educativos. Neste certame pode participar toda a comunidade dos centros educativos galegos (alumnado, familias, profesorado, persoal non docente etc.). As persoas interesadas deberán enviar as súas pezas á plataforma olloboi.com.

Aceptaranse videocreacións (ficción ou documental) de duración preferentemente non superior ós 20 minutos.

Poderá participar calquera persoa ou grupo de persoas relacionadas co ámbito escolar público, concertado ou privado: alumnado, profesorado (en activo ou xubilado) e PAS. As persoas menores de 18 anos farano baixo a responsabilidade do seu titor ou titora legal.
O concurso está dirixido a todos os niveis educativos (infantil, primaria, secundaria, bacharelato, formación profesional, universidade, escolas audiovisuais). Poderán participar centros educativos de formación non regrada sempre e cando os traballos involucren a alumnado.
– A temática e lingua dos traballos será libre, aínda que se valorará o uso do idioma galego, a sensibilidade medioambiental e social e o respecto ós dereitos dos animais. Estas sensibilidades poderán ser criterio de desempate chegado o caso.
– Suxírese que as pezas se graven cunha ratio de 16:9 ou 4:3 (gravación horizontal) e cunha resolución mínima de Full HD (1920×1080). Por defecto, a maioría dos equipos de gravación teñen xa estes axustes.
– Aceptaranse traballos realizados nos últimos 3 anos sempre que non se presentaran en edicións anteriores do concurso.
As pezas deberán estar accesibles a todo o público en Internet, aloxadas en Vimeo ou en Youtube.

Na edición actual entregaranse 10 premios organizados en relación ás idades do alumnado implicado:
– Olloboi Peque: para traballos elaborados con alumnado de infantil e primaria.
– Olloboi Plus18: para pezas elaboradas por alumnado de centros de ensino superior (escolas universitarias, ciclos de formación profesional superior, EOI, etc.) ou profesorado.
– Olloboi Xubiloi: para traballos de profesorado que xa non estea en activo. A asociación terá especial interese en promover a participación nesta categoría, colaborando na difusión posterior dos traballo recibidos.
– Olloboi Xeral, onde participan todas as pezas presentadas de acordo cos seguintes epígrafes:
Olloboi Interpretación: onde se valorará unha boa dirección de actores e/ou un reparto ben escollido, evidenciándose na naturalidade ou adecuación das interpretacións.
Olloboi Imaxe: o que amose unha edición mellor planificada, un emprego consciente das leis de composición visual, a escolla da paleta cromática, tratamento da luz, etc.
Olloboi DJ: a mellor sonorización e/ou interpretación musical, orixinal ou versión.
Olloboi Guión: o mellor texto orixinal, onde se primará a existencia de personaxes e situacións verosímiles.
Olloboi Animación: para calquera curta con imaxe animada dixital ou analoxicamente (stop motion, time lapse, etc.).
Olloboi Documental: onde valoraremos, ademais da calidade fílmica, o compromiso cos valores deste festival: sensibilidade medioambiental, promoción do rural, feminismo e defensa da nosa cultura e lingua entre outros.
– Olloboi Zamburrioi: premio especial concedido pola Asociación Olloboi.

A inscrición de traballos en olloboi estará aberta ata o 24 de maio ás 23:59 h

Máis información en https://www.olloboi.com/

Que non sabes como gravar ou editar en video? Non te preocupes, Olloboi ten na súa web recursos (titoriais para traballar a gravación e edición de cine na aula), no seu blog podes aprender como facer cine na aula ou ollobradoiros para que te poñas ao día…

Tamén podes ver na súa as obras presentadas nas anteriores edicións…

E se necesitades un incentivo de espírito, poñede na aula a película Cadernas de Olloboi que acaban de abrir ó público. Fixérona con moito cariño para visibilizar o traballo e ilusión destes anos en toda Galicia e para seguir facendo canteira. Acudide!