Premio para a mocidade por iniciativas de desenvolvemento rural

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) convoca os premios ás iniciativas de desenvolvemento rural.

Os premios ao desenvolvemento rural de Galicia están dirixidos ás iniciativas que contribúan de xeito singular a promocionar o medio rural e a xerar unha sociedade rural máis dinámica e cohesionada.

Os premios que se convocan correspóndense coas seguintes categorías:

Categoría mocidade, para as iniciativas levadas a cabo por persoas mozas, que constitúan unha aposta polo presente e o futuro do medio rural galego e da súa poboación. Para estes efectos, terá a consideración de persoa moza quen non teña máis de corenta anos na data en que finalice o prazo para presentar a iniciativa ou, no caso de persoas xurídicas, cando polo menos o 25 % dos seus membros cumpran este requisito.

– Categoría paisaxe rural, para iniciativas de intervención, mellora e posta en valor das paisaxes rurais produtivas de Galicia nas cales se integren os elementos e valores culturais e naturais co aproveitamento agrario.

– Categoría proxectos de interese social, para as iniciativas orientadas á integración dos colectivos máis desfavorecidos, á inserción social ou ao coidado dos nosos maiores.

– Categoría turismo, para as iniciativas que contribúan ao desenvolvemento económico potenciando a ampla riqueza dos recursos turísticos do medio rural de Galicia.

– Categoría sector agrogandeiro, dirixida a iniciativas desenvolvidas dentro dos sectores da gandaría, agricultura e/ou transformación agroalimentaria que aposten polo valor engadido na súa produción.

– Categoría mulleres, orientada ás iniciativas levadas a cabo por mulleres ou destinadas a elas no medio rural, desde unha óptica de igualdade e progreso, en que sexan fundamentais valores como o asociacionismo, a profesionalización e a innovación.

– Categoría innovación tecnolóxica, dirixida ás iniciativas desenvolvidas no rural galego que incorporen a innovación para obter un novo produto ou mellorar a calidade nos seus produtos ou servizos, para diminuír custos, para ofrecer unha maior gama de produtos ou servizos ou para seren máis rápidas na súa introdución no mercado.

– Categoría recuperación e posta en valor da terra agraria, destinada ás iniciativas que contribúan, directa ou indirectamente, a recuperar e poñer en valor terras que están infrautilizadas.

Cada un dos premios constará dun diploma e unha dotación en metálico de 10.000 €.

O prazo para presentar candidaturas estará aberto ata o 30 de xuño de 2024.
As solicitudes poden tramitarse en https://sede.xunta.es co procedemento MR709A
Máis información no DOG do 31 de maio de 2024

Premios 2023:  https://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda/premios-desenvolvemento-rural/