Premios extraordinarios de bacharelato

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Convócanse na Comunidade Autónoma de Galicia os premios extraordinarios de bacharelato (código de procedemento ED311A) para o alumnado que finalizase os estudos de bacharelato no curso 2019/20 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia e cumpra os requisitos establecidos nesta orde.

Esta convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, ten como obxecto o recoñecemento do especial aproveitamento do alumnado que cursou na Comunidade Autónoma de Galicia calquera das modalidades de bacharelato establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Artigo 2. Número, orzamento e características dos premios

1. Poderase conceder un máximo de 20 premios extraordinarios.

2. Cada premio estará dotado con 1.000 €, con cargo á partida orzamentaria 10.20.423A.480.1 da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, dos orzamentos do ano 2020, cunha dotación global de 20.000 €. A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado para este fin.

3. Estes premios extraordinarios de bacharelato son compatibles con calquera outro tipo de premios, bolsas ou axudas concedido por algunha Administración pública competente ou calquera ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou organismos internacionais.

4. O alumnado que obteña o premio extraordinario percibirá a dotación económica, de cumprir os requisitos establecidos no artigo 16 desta orde e, ademais, recibirá un diploma acreditativo, o/a secretario/a do centro público onde estea depositado o expediente académico anotará nel, mediante dilixencia, a distinción, o que se fará constar nas certificacións académicas que se emitan.

5. As persoas que obteñan o premio extraordinario de bacharelato poderán concorrer, logo de solicitude, ao correspondente premio nacional.

6. O alumnado que obteña o premio extraordinario de bacharelato poderá estar exento, durante o primeiro ano e por unha soa vez, do pagamento dos prezos públicos por matrícula no primeiro curso dos estudos superiores nun centro público, segundo se estableza na normativa vixente para o curso 2020/21.

+Info: DIARIO OFICIAL DE GALICIA