Primavera Xove 2022

Tras a primeira experiencia piloto de 2021, a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia pon en marcha este ano a segunda edición de Primavera Xove, un programa que busca xerar espazos para un ocio educativo seguro, divertido, formativo e favorecedor da transferencia de valores e coñecemento. 

Tres formatos diferentes, dous meses e un só público: os mozos e mozas galegos.

Este 2022, Primavera Xove levarase a cabo entre os meses de abril e maio. Está composto por tres formatos de accións diferentes que buscan dar resposta aos gustos e necesidades dos mozos e mozas, con independencia da súa idade. Por iso, haberá accións concretas tanto para os rapaces máis novos como para o estudantado universitario ou que xa rematara os seus estudos. A programación desta nova iniciativa de educación non formal e entretemento saudable estará composta por: 

» Programa de Semana Santa e de fin de semana (de venres a domingo) en albergues xuvenís para mozos e mozas de 14 a 17 anos. 

» Encontros formativos e de networking nos campus universitarios de Santiago, A Coruña, Ourense e Vigo.

» Feiras Primavera Xove nos 12 espazos xove dependentes da Xunta de Galicia. 

Todas as actividades levaranse a cabo seguindo as medidas de prevención, seguridade e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias para facer fronte á Covid-19. Así mesmo, para a actividade nos albergues xuvenís que inclúe pernoita, deberase achegar unha declaración responsable sobre condicións de saúde á entrada da estancia, que será facilitada con anterioridade pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

1.Programación de Semana Santa e de fin de semana en albergues xuvenís

Este programa levarase a cabo en 8 instalacións diferentes repartidas por toda Galicia: albergue xuvenil de Gandarío (Bergondo), albergue xuvenil Marina Española (Sada), albergue xuvenil Area (Viveiro), albergue LugII (Lugo), albergue xuvenil As Sinas (Vilanova de Arousa), campamento xuvenil de Pontemaril (Forcarei), Residencia de Tempo Libre do Carballiño e Estación de Montaña de Manzaneda . Ofertaranse un total de 600 prazas que permitirán aos mozos e mozas ampliar as súas habilidades e competencias, así como participar en actividades físico-deportivas, de aventura e tecnolóxicas, fomentando actitudes de cooperación e respecto; ao mesmo tempo que se achega un recurso de coidado durante períodos non lectivos para as familias galegas.

-Quen pode participar?

O programa está dirixido a mozos e mozas empadroados en Galicia que teñan entre 14 e 17 anos no momento da solicitude e queiran gozar dun programa de actividades de educación non formal en distintas instalacións da Xunta de Galicia. 

-Prazas

O número de prazas dispoñibles en cada unha das opcións é de 20, agás no caso da quenda de Semana Santa de Manzaneda, que será de 40 prazas. 

-Cando?

  • Quenda de Semana Santa: do 10 ao 17 de abril
  • Quenda de fin de semana: do 22 ao 24 de abril
  • Quenda de fin de semana: do 29 de abril ao 1 de maio
  • Quenda de fin de semana: do 6 ao 8 de maio

-Prazo e método de inscrición

O prazo de inscrición comezará o día 25 de marzo ás 12.30 horasFORMULARIO DE INSCRICIÓN

As prazas asignaranse por estrita orde de chegada dos formularios sempre e cando se cumpran os requisitos. Unha vez confirmada a praza (recibirase un correo electrónico de confirmación por parte da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado), o/a participante terá un prazo de 48 horas para remitir por correo electrónico a copia escaneada do DNI xunto co xustificante do pagamento, e a copia do Carné xove, a tarxeta de familia numerosa ou o certificado de familia monoparental, de ser o caso. Esta documentación debe enviarse ao enderezo de correo electrónico xuventur@xunta.gal, no asunto indicarase o programa no que está inscrito, e suporá a adxudicación da praza.

-Prezo do programa

As persoas ás que se lles adxudique unha praza deberán aboar un prezo de 25 euros para as actividades de fin de semana e de 150 euros para a Semana Santa. Por ser membro de familia numerosa ou monoparental e por ser titular do Carné xove, sempre e cando a tarxeta estea debidamente activada, aplicarase un desconto do 25% sobre o prezo. Deste xeito, os/as participantes aboarán, nestes casos, 18,75 euros ou 112,5 euros segundo corresponda.

Consulta todas as condicións de participación, requisitos e información sobre o programa no seguinte enlace 

Declaración responsable sobre a covid-19

Actividade financiada polo Ministerio de Igualdade, Secretaria de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, e no marco do Plan Corresponsables.

2. Feiras Primavera Xove nos 12 Espazos Xoves

Ao longo dos venres e xoves do mes de abril e comezos de maio, e de xeito totalmente gratuíto, cada Espazo Xove celebrará unha feira de ocio educativo para a mocidade da súa contorna. Aínda que cada unha terá as súas particularidades e nela participarán persoas diferentes, haberá varios denominadores comúns:

  • Venres/xoves pola mañá: charla formativa coa participación dos institutos de cada zona e convite a coñecer o espazo xove.
  • Venres/xoves pola tarde: celebraranse varios obradoiros de cultura urbana, artes, emprendemento, etc. e tamén haberá actuacións musicais.

-Quen pode participar?

A mocidade das contornas de cada espazo xove.

-Cando?

  • 1 de abril: Viveiro
  • 7 abril (xoves): Lalín
  • 8 abril: Curtis, Pontedeume, Vilalba e Carballo
  • 22 abril: Noia e Betanzos
  • 28 abril (xoves): Ourense
  • 29 abril: Vilagarcía e Chantada
  • 6 maio: Tui

-Prazo e método de inscrición

Pódese reservar praza xa nas diferentes actividades directamente en cada espazo xove. 

Consulta todas as condicións de participación, requisitos e información sobre o programa no seguinte enlace ou nas redes sociais dos Espazos Xoves.

3. Encontros de formación e networking nos campus universitarios

A través desta acción totalmente gratuíta, a Xunta de Galicia busca ofrecer alternativas de ocio formativo e responsable que poidan ser complementarias ao currículo académico dos mozos e mozas, ao mesmo tempo que se traballan habilidades e capacidades necesarias desde o ámbito da educación non formal para o seu desenvolvemento persoal e profesional.

Cada xornada enfocarase a un ámbito concreto e os relatores serán profesionais galegos de relevancia en cada un dos eidos. Concretamente, ofertaranse 5 tipos de actividades diferentes, que itinerarán polos campus de A Coruña, Santiago, Vigo e Ourense ao longo de 5 mércores dos meses de abril e maio. As temáticas das accións serán as seguintes: Innovación e innovadores no mundo dixital, Medioambiente e sostibilidade, Educación emocional, Talento mozo e Cultura e creatividade. 

O obxectivo final é favorecer o debate e o networking sobre a temática tratada a través de obradoiros en grupos reducidos en espazos diferentes, distendidos, abertos e innovadores.

-Quen pode participar?

Estas xornadas están dirixidas principalmente a mozos e mozas universitarios, aínda que se pode inscribir a mocidade en xeral, de 18 a 30 anos.

-Prazas

Poderán asistir 25 persoas como máximo a cada sesión, seleccionadas por orde de inscrición. Cada persoa moza poderá participar en tantas xornadas como queira.

-Cando?

Esta acción levarase a cabo os seguintes mércores de abril (6, 20 e 27) e de maio (4 e 11). A programación será de tarde e cada xornada terá unha duración aproximada de 2 horas.

-Prazo e método de inscrición

O prazo de inscrición a cada acción abrirase en breve.

As prazas adxudicaranse por estrita orde de inscrición. As persoas que non obteñan praza pasarán á lista de reserva. Poderase escoller participar nunha ou en varias das accións contempladas na programación.


Consulta a información completa de Primavera xove aquí