Programa de axudas ao audiovisual galego 2023

A Xunta de Galicia pon en marcha esta semana o seu programa de subvencións ao audiovisual galego de 2023 coa convocatoria das tres primeiras liñas de axudas, que suman un investimento de 775.000 euros para apoiar as fases de exhibición, difusión e internacionalización.

O Diario Oficial de Galicia publicou as bases das axudas para salas de cinema (código de procedemento CT207M) por importe de 500.000 euros, para a asistencia a foros de negocio especializados e eventos de cine fóra de Galicia (código de procedemento CT404D), dotadas con 50.000 euros, e para a quenda de festivais audiovisuais, con 225.000 euros.

O sector será destinatario este ano de máis de 3,7 millóns de euros en axudas para apoiar as empresas en todas as fases do proceso audiovisual: desde a escrita do guión, preprodución do proxecto, rodaxe e posprodución ata a súa difusión, comercialización e exhibición. 

Axudas a festivais

As axudas poderán solicitarse ata o próximo 13 de febreiro, de igual forma que as destinadas a festivais galegos do sector audiovisual, cuxa publicación se fará este venres no DOG.
A súa dotación é de 225.000 euros, o que implica un incremento de máis do 7% respecto de 2022, co que se mantén a tendencia á alza desde a creación en 2015 desta liña de subvencións, a través da que o ano pasado contribuíuse á organización de 11 certames considerados estratéxicos para o sector en Galicia.

Axudas a videoxogos

A Xunta contribúe á internacionalización das producións galegas cofinanciando con 50.0000 euros tanto os custos da asistencia de empresas a mercados e feiras internacionais de referencia como a promoción de filmes galegos seleccionados nalgún dos máis destacados festivais do circuíto estatal e internacional. No caso do sector dos videoxogos, subvencionarase a asistencia ao Gamescom de Colonia (Alemaña), Gamépolis de Málaga, IndiDevDay de Barcelona e Bigconference de Bilbao.

As solicitudes deben tramitarse en sede.xunta.es, os códigos de procedemento son: CT207M e CT404D

Máis información no DOG do 13 de xaneiro de 2023 e en agadic.gal