Programa Ler Conta Moito

A Secretaría Xeral de Cultura ven de publicar unha resolución pola que abre o prazo e establece as condicións para que as persoas físicas ou xurídicas dedicadas profesionalmente á dinamización cultural poidan inscribirse no catálogo Ler Conta Moito 2022.

Este catálogo incorporará actividades de dinamización bibliotecaria e cultural que se porán á disposición dos titulares de bibliotecas públicas, co obxecto de que poidan seleccionalas para a súa programación de dinamización da lectura durante o ano 2022, promovendo así a mellora da oferta, a igualdade de acceso e a transparencia.

O programa Ler Conta Moito ten como obxectivo xeral animar á lectura a través dunha programación de actividades atractivas, vinculadas aos intereses dos distintos colectivos, que faciliten o achegamento aos espazos bibliotecarios.

Poderán formar parte do catálogo Ler conta moito 2022 aquelas persoas físicas ou xurídicas dedicadas profesionalmente á dinamización cultural, que pretendan desenvolver actividades deseñadas de acordo co sinalado nesta resolución.

As persoas físicas ou xurídicas que desexen participar no catálogo Ler conta moito 2022 deberán estar dadas de alta no imposto de actividades económicas (IAE), nunha epígrafe das relacionadas no anexo I, ou noutra adecuada ao tipo de actividade que se vaia desenvolver.

O prazo para inscribirse e solicitar a inclusión de actividades no catálogo comprende desde o día 28 de decembro de 2021 ata o 31 de xaneiro de 2022.

Información completa no DOG Núm. 247 do Luns, 27 de decembro de 2021.