Programa Retorna Mocidade: Bolsas destinadas á mocidade do exterior para retornar a Galicia e cursar FP de nivel básico

O Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria do programa Retorna Mocidade, a través do que a Xunta convoca 54 bolsas para a mocidade do exterior co fin de que cursen en Galicia estudos de Formación Profesional de nivel básico. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina un total de 351.000€ para o próximo curso académico 2022-23.

As bolsas, dotadas con 6.500€ cada unha delas, inclúen a viaxe desde o país de orixe, o aloxamento e manutención na Comunidade galega e a subscrición dun seguro médico de ser o caso. Os beneficiarios e beneficiarias recibirán un primeiro pago de 3.700€ no primeiro trimestre do curso (co único requisito de estar matriculada ou matriculado) e un segundo pago de 2.800€ no segundo trimestre da formación. Neste caso o alumno ou alumna deberá aprobar o 70% dos módulos cursados no primeiro trimestre.

O prazo de presentación será de 45 días naturais, desde o día 20 de agosto ata o 3 de outubro de 2022. Pode facerse a través do sistema de admisión a ensinos de formación profesional https://www.edu.xunta.gal/ciclosadmision (ou desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, mediante o procedemento ED333B).

Centros e requisitos

 Axudas destinadas a cursar formación específica básica de albanelaría e fontanería no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Someso, na Coruña; e de Fontanería, calefacción, electricidade e telecomunicacións nos CIFP Universidade Laboral (Culleredo) e no Ferrolterra (Ferrol), a razón de 18 prazas en cada centro.

A convocatoria está dirixida á cidadanía galega residente no exterior que cumpra unha serie de requisitos como ser menor de 40 anos, posuír a nacionalidade española, acreditar un mínimo de dous anos de residencia fóra de España inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

Ademais, é necesario ser emigrante nada ou nado en Galicia ou residir en Galicia de maneira continuada durante dez anos con nacionalidade española antes de emigrar, ou ser descendente por consanguinidade dunha persoa que cumpra algunha destas condicións e nacer no estranxeiro.

Máis información

Convocatoria Diario Oficial de Galicia