Residencias Paraíso

Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM.

Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas, preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo.
Diríxese a artistas de Galicia, do resto do territorio estatal e de Portugal. Artistas con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas nun dos espazos que forman parte da rede.
Valorarase a integridade artística da proposta, o grao de madurez e solidez do proxecto, a relación entre o proxecto e o territorio, así como as prácticas de programación expandida que poidan arroupar a estancia durante a residencia.

Temporalidade
As residencias ocorrerán entre abril e outubro. A duración de cada residencia será de entre dúas e tres semanas. Deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias en diálogo coas artistas. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.

Os proxectos
Os proxectos poden estar en distintas fases. Pódese participar do programa cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica.

Dotación económica
Cada proxecto en residencia contará cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 € (impostos incluídos) en función das características de cada proxecto seleccionado (persoas involucradas, duración da residencia, etc…)
O aloxamento, desprazamento e manutención corre a cargo das persoas residentes.
Realizarase un pago do 50% ao inicio do período de residencia e un segundo pago do 50% restante tralo encontro anual.

Encontro anual
O Encontro Residencias Paraíso 2024 será os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa San Simón.

A convocatoria está aberta ata o 26 de febreiro de 2024.

Máis información e solicitudes: https://www.colectivorpm.gal/gl/residencias-artisticas/residencias-paraiso