Subvencións a programas de promoción das mulleres

O obxecto das subvencións ao que se refiren as presentes bases é contribuír a financiar os gastos ocasionados polo desenvolvemento de programas e/ou actividades de promoción das mulleres que leven a cabo as entidades sen ánimo de lucro, se realicen entre o 1 de novembro de 2022 e o 31 de outubro de 2023 (ambos incluídos) e atendan a algunha/s das seguintes finalidades:

1.- Responder ás demandas e necesidades das mulleres en función das seguintes áreas de prioridade establecidas pola Concellería de Igualdade: Educación en igualdade, Conciliación e corresponsabilidade, Liderado e empoderamento, Emprego e formación, Contra a violencia de xénero, Atención á diversidade, e Promoción da saúde e o benestar.

2.- Promover o investimento de recursos sociais en accións positivas para as mulleres, que favorezan o acceso e a permanencia das mulleres naqueles ámbitos onde se atopen subrepresentadas. Fomentando, por exemplo, accións formativas en áreas e/ou sectores con escasa presenza feminina e o acceso e a permanencia de mulleres en postos de responsabilidade, ou establecendo medidas, accións e/ou dispositivos que visibilicen e faciliten a participación das mulleres pertencentes a colectivos en risco de exclusión.

3.- Organizar e promover actividades en ámbitos e/ou áreas tradicionalmente feminizadas, dirixidas á poboación masculina.

4.- Potenciar o asociacionismo feminino, a participación activa das mulleres nos órganos de toma de decisións das asociacións, así como a participación das mulleres en todos os ámbitos de actuación das organizacións.

5.- Impulsar a apertura de novas canles de intervención a favor das mulleres no eido socio-laboral, educativo e familiar, evitando perpetuar os roles tradicionalmente sexistas, desenvolvendo tanto actividades de sensibilización como proxectos con actuacións innovadoras que propicien a eliminación de roles e estereotipos de xénero.

6.- Favorecer actividades de investigación, educativas e/ou culturais encamiñadas a poñer en valor e visibilizar a contribución das mulleres á sociedade ao longo da historia.

7.- Promover e visibilizar as achegas e o papel que desenvolven as mulleres nos distintos sectores relacionados coa pesca (extracción, acuicultura, venda, investigación, etc.) e/ou nos oficios derivados do mar, como redeiras, conserveiras, armadoras, mariscadoras, etc.

8.- Organizar actividades de carácter formativo, cultural, artístico ou de ocio dirixidas a mulleres co fin de facilitarlles a adquisición de competencias e habilidades básicas para unha maior autonomía.

9.- Concienciar e formar a homes e mulleres a través de módulos formativos sobre xénero e igualdade de oportunidades (IO) impartidos por profesionais especializadas con formación acreditada neste eido.

+Info: BOLETIN OFICIAL DE PONTEVEDRA