Subvencións a proxectos de voluntariado

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado  convoca subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado durante o ano 2020 nas seguintes áreas:

a) Área de sensibilización: o obxectivo destes programas será o de difundir entre toda a sociedade galega a importancia e o valor da participación solidaria de carácter voluntario. Trátase de fomentar o voluntariado a través de actividades de sensibilización como:
– Desenvolvemento de xornadas, seminarios, charlas e actividades dirixidas a dar a coñecer a realidade das entidades de acción voluntaria, así como á promoción e captación de voluntariado.
– Realización de campañas que fomenten a sensibilización da sociedade galega cara ao voluntariado e ás súas organizacións.
– Estudos encamiñados a coñecer a realidade do voluntariado galego nos seus diferentes niveis de actuación: local, comarcal, etc.
b) Área de formación: persegue unha modernización e adaptación permanente das entidades de acción voluntaria á realidade social a través destas liñas fundamentais:
– Formación de persoas responsables de voluntariado e das persoas voluntarias.
– Fomento e incorporación de novas tecnoloxías dentro das entidades como, por exemplo, o deseño e mantemento de páxinas web.
c) Área de coordinación: as accións fomentarán o traballo en rede e a coordinación entre as diferentes entidades incorporando, de xeito transversal, as actuacións desenvolvidas nos diferentes eidos do voluntariado.

+Info: DOG do 3 de febreiro de 2020 e en www.voluntariadogalego.org