Tanxugueiras actúan en Castrelos o 30 de xullo

Tanxugueiras soben ao escenario do Auditorio de Castrelos o vindeiro 30 de xullo para ofrecer ao público da cidade o seu directo no que combinan a sonoridade da pandeireta coa electrónica.

O alcalde deu a coñecer a nova cita do cartel de concertos deste verán en Vigo apuntando que o grupo de cantareiras formado por Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olalla Maneiro “non necesita ser presentado”, xa que “foron capaces de alcanzar a notoriedade en toda España cos seus propios méritos e capacidade de cantar”.

Tanxugueiras está a realizar a xira de presentación do seu novo disco, “Midas”, e súmase á programación de verán confirmada xa para o auditorio municipal: Sebastián Yatra o mércores 13 de xullo, Leiva o xoves 4 de agosto, Sting o sábado 6 de agosto e Hombres G o domingo 14 de agosto.