Vigocultura programa 19 espectáculos este outono

A principal novidade desta edición é a celebración dun espectáculo de danza ao aire libre na Praza do Rei: Technocracia da compañía Funboa Escénica, o venres 21 de outubro ás 20 horas. Ao aire libre tamén, será o primeiro espectáculo, o venres 23 de setembro, na rúa do Príncipe coa representación de O estraño caso do dentista da rúa Brasov, da compañía viguesa Troula.

A venda de entradas comeza este mércores, 9 de setembro, a través da web Giglon e a Librería Librouro e tamén poden adquirirse o día do espectáculo no despacho de billetes do Auditorio. Os prezos oscilan entre os 8 e os 12 euros para adultos e 5 euros para o público familiar. Ademais hai abonos para 5 e 10 espectáculos cun 10 e 25% de desconto respectivamente.

A programación completa está composta por oito espectáculos de teatro, un de danza, un de maxia, un de música para bebés e nove propostas para público familiar, entre as que se encadran varias disciplinas.

Fonte: amovida.gal