VigoZoo enche de astronomía as fins de semana do verán

O mundo da astronomía será o protagonista das fins de semana deste verán en VigoZoo, que celebra os seus primeiros 50 anos de vida con diferentes actividades para achegar á cidade a esta área de coñecemento, tal e como apuntou Abel Caballero.

Os “Sábados astronómicos” desenvólvense o sábado 26 de xuño, todos os sábados do mes de xullo e todos os de agosto, excepto o último. As persoas participantes, en grupos de 25, poderán aprender con actividades de astronomía e observación de estrelas entre as 22:00 horas da noite e ata as 00:00 horas da madrugada. A filosofía Startlight, a traxectoria dos astros, nocións de uso do telescopio e os prismáticos para observación dalgunha galaxia, localización con punteiro láser das constelacións, nocións de mitoloxía…

A “Noite das Perseidas” celébrase o 12 agosto dende as 22:00 horas e ata a medianoite. A previsión do goberno municipal é que poidan asistir 75 persoas, en función das restricións Covid vixentes nese momento, para observar as Perseidas, aprender a localizar as constelacións, con xogos astronómicos para os máis pequenos…

A terceira proposta, pensada para as familias, é “Astronomía en VigoZoo” e terá lugar os domingos: o 27 xuño, todos os de xullo e os tres primeiros de agosto, en horario de mañá e tarde (con catro sesións ás 11 e 13 horas e ás 16 e 18 horas da tarde), en grupos de 10-12 persoas. Serán actividades baseadas na simulación mediante a proxección do ceo nocturno de Vigo, cun programa informático e pantallas e proxectores da sala de cambio climático de Vigozoo. As persoas que asistan aprenderán a orientarse durante a noite, recoñecer as constelacións, estrelas e planetas visibles esa noite, nocións de mitoloxía e historia da astronomía así como o manexo dun planisferio.

Para sumarse ao programa de VigoZoo é preciso facer reserva previa, no teléfono 986267783. As actividades desenvolveranse cumprindo as medidas de seguridade sanitaria vixentes en cada momento.