VII Día dos Montes de Vigo

O xoves 5 de maio, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou o VII Dia dos Montes de Vigo, xunto cos responsables de Montes de Vigo e Centros Culturais e Deportivos de Vigo, entidades colaboradoras, e de Vegalsa-Eroski, como entidade patrocinadora. Esta proposta, que forma parte do programa municipal de educación medioambiental Camiño a Camiño, terá lugar o domingo 22 de maio pola mañá no Parque Forestal do Monte dos Pozos.

Dende o luns 9 de maio ata o venres 20 de maio, as 13 horas, está aberto o prazo para a inscrición no 010 (986810260 dende móbil) en unha das andainas previstas adaptadas as características de todos os públicos. 

Ver máis información no folleto (PREMER) e dende o propio luns 9 de maio estará dispoñible nesta web toda a información das actividades.

Alcalde de Vigo coa Concelleira de Medio Ambiente e representantes de Montes de Vigo e de Eroski.
O Alcalde salientou que esta VIIª edición do Día dos Montes de Vigo pretende dar a coñecer os recursos dispoñibles nos montes periurbanos de Vigo: parques forestais e sendeiros locais, onde nos podemos achegar ao patrimonio natural, así como algúns dos miradoiros e espazos etnoarqueolóxicos máis destacados da cidade. Tamén se vai comprobar como se está a producir o proceso de rexeneraación dos montes queimados en outubro de 2017, particularmente os casos de Valladares e Zamáns.
Tamén incidiu o Alcalde en que vai ser unha xornada de “encontro cidadá cos nosos montes e lograr que cada día máis xente acuda a gozar do seu ocio nos montes, e temos que chegar a 1000 participantes“. Para este fin o Concello de Vigo colabora activamente coas comunidades de montes de Vigo para o mantemento dos Parques Forestais e dos Sendeiros Locais (hai unha rede de preto de 130 km), así como nas labouras de conservación do monte cunha cuadrilla de 18 operarios. 

Uxío González, presidente da Mancomunidade de Montes de Vigo, definiu o Día dos Montes de Vigo como un encontro “para todos os públicos” dado que os percorridos deste ano están deseñados para que calquera cidadán e cidadá poida participar. 
O punto de encontro das actividades será o Parque Forestal do Monte dos Pozos (ver GOOGLE MAPS), partindo dende este punto todas as rutas e naquelas de maior distancia empregarase un autobús lanzadeira que trasladará aos participantes ao punto de partida no Parque Forestal de Zamáns. Por este motivo é necesario que a xente se apunte no 010 dado que hai prazas limitadas.

Tamén destacou que se despregará un dispositivo de voluntariado de Montes de Vigo ao longo do percorrido. Tamén contarase coa colaboración de Protección Civil. “Pretendemos que sexa unha actividade deportiva e lúdica no que a xente se sinta acompañada e poña en valor o noso patrimonio natural”.

O evento conta co patrocinio de Vegalsa-Eroski, que contribúe a que o evento se poida facer dun xeito máis agradable a través dos kits de avituallamento previsto ao longo do percorrido. Ademáis, a organización agasallará cunha camiseta conmemorativa a aquelas persoas correctamente inscritas.

Funcionamento 

Inscrición: no 010 (986 81 02 60 dende o móbil) ata as 13 horas do venres 20 de maio. A inscrición estará aberta ata cubrir as prazas dispoñibles para cada actividade. No caso de que o día 22 de maio haxa prazas dispoñibles, poderase facer inscrición no Monte dos Pozos ata media hora antes do inicio da actividade.
Lugar de encontro: Parque forestal do Monte dos Pozos (Valladares).
Recollida de tarxeta de participación: previo ao inicio das actividades, as persoas inscritas recollerana na carpa de organización. A participación é gratuíta. No caso da Andaina que se inicia no Parque Forestal de Zamáns dará dereito ao acceso ao autobús lanzadeira ata o inicio de actividade. No resto de actividades será solicitada ao principio das mesmas.
Agasallo a participantes: kit de abastecemento e promocional cortesía de Vegalsa-Eroski, xunto con entrega de camiseta recordatoria. Entregaranse no momento de solicitude da tarxeta de participación.
Inicio de actividade: segundo horario previsto na programación que se atopa na web caminoacaminovigo.org, sendo preciso estar rexistrado media hora antes.
Recomendacións: Roupa cómoda e calzado axeitado para monte, hidratación constante, respecto ás indicacións da organización, coidado do entorno empregando os contenedores habilitados e respectando a flora e fauna que se atope.
Máis información: info@caminoacaminovigo.org | whatsapp 662 23 10 23 | caminoacaminovigo.org

Avance de programa
A programación organízase en dúas partes: as actividades dirixidas para poboación adulta e as dirixidas a familias.
a) Programa xeral. Están previstas tres andainas con distinto grado de dificultade, para coñecer a realidade dos montes de Vigo cinco anos despois dos lumes de 2017. Tomarase como punto de partida o Monte dos Pozos. – Nas andainas de 18km e de 11km haberá buses lanzadeira ata o Parque Forestal de Zamáns, dende onde se iniciara a camiñata para rematar no propio Monte dos Pozos. Atravesaranse algunhas das zonas queimadas, agora en proceso de rexeneración, así como algúns dos miradoiros máis chamativos da cidade no Monte Cepudo e no Monte Alba.- Na andaina de 7km farase un percorrido circular dende Monte dos Pozos achegándose a algúns tramos do camiño real que atravesaba Valladares, permitindo así coñecer algúns aspectos históricos e medioambientais.
b) Programa familiar. Neste caso participarán as familias ao completo, adaptando as actividades ás idades dos menores. – A Visita familiar ao Petroglifo da Lapela, cun percorrido de 5km, permitirá as familias con fillos maiores de 6 anos achegarse a un lugar máxico preto do Monte dos Pozos, e tamén poder coñecer de preto as consecuencias dos lumes do 2017. Rematará o paseo coa visión panorámica da cidade dende un miradoiro.- Para as familias con menores de 6 anos está prevista a Peque-ruta “Monte dos Pozos na primavera”, de 1km de lonxitude. Trátase de aproximarse as sorpresas da primavera no propio Parque Forestal do Monte dos Pozos.Ao rematar sendas actividades, está prevista unha serie de actividades dirixidas aos máis cativos e cativas, como xogos populares, tiro con arco, rastrexo, etc.
No momento central do acto están prevista actividades dinamizadas pola Agrupación de Centros Deportivos e Culturais de Vigo, como Danzas do Mundo e a actuación do Grupo de Gaitas de Pardavila.
Tamén se poderán contemplar sendas exposicións tituladas “Sendeiros Locais de Vigo” e “Unha lingua de lume asola en 2017 os montes de Vigo”