Youtubeiras 2021

Os premios Youtubeiras teñen como finalidade ser acicate da creación en Youtube con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os/as youtubeiros/as en galego a través da Rede e o seu recoñecemento con base nos criterios que se terán en conta en cada premio.

Poden optar a estes premios todas as persoas maiores de 14 anos con canles de Youtube autoproducidas.

As canles de Youtube inscritas teñen que ter cando menos cinco vídeos subidos con data posterior ao 23 de outubro de 2020. Estes cinco vídeos teñen que:
– Conter a etiqueta co cancelo #youtubeiras.
– Non ter restricións de privacidade.
– Os títulos, as descricións e os subtítulos permanentes (de habelos) teñen que estar en galego.
– Estes vídeos poden conter subtítulos de activación opcional no Youtube noutras linguas.

As canles de Youtube presentadas deben ter a maioría dos vídeos en galego.

Fican expresamente excluídos os traballos que promovan unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva.

prazo para inscribir as canles no Premio Youtubeiras estará aberto ata o 22 de outubro de 2021 ás 23.59 h. A participación está aberta ao ámbito internacional e é de balde.

As persoas participantes deben inscribirse a través do formulario que figura na web www.youtubeiras.gal  indicando a URL da canle.

Cada creador/a pode inscribir máis dunha canle.

Haberá 12 premios:

– CANLE, premio dotado con 1000 €. Valorarase a calidade dos contidos, a calidade técnica e lingüística, a eficiencia comunicativa e a creatividade. Terase en conta a periodicidade na creación de novos vídeos e tamén o coidado da comunidade creada (uso doutras RRSS, imaxe da canle…)

– YOUTUBEIRA/O, dotado con 1000 €. Optan a este premio creadoras e creadores das canles presentadas. Valorarase a calidade dos contidos, a calidade técnica e lingüística, a eficiencia comunicativa, a creatividade, a capacidade de creación de comunidade e a repercusión dos contidos creados.

– VÍDEO, dotado con 1000 €. Optan a este premio os vídeos que compoñen as canles presentadas. Valorarase a calidade dos contidos, a calidade técnica e lingüística, a eficiencia comunicativa, a creatividade e a repercusión do vídeo.

– CALIDADE LINGÜÍSTICA, dotado con 500 €. Valorarase a calidade e o coidado da lingua na canle (en todas as súas variantes dialectais) a nivel fonético, gramatical e lexical.

– IMPACTO, premio dotado con 500 €. Valorarase a repercusión dos contidos da canle (número de visionados, interaccións, presenza nos medios, viralidade…).

– CALIDADE TÉCNICA, premio dotado con 500 €. Valoraranse aspectos técnicos tales como a imaxe, o son, a montaxe das pezas que conforman a canle.

– COMUNICACIÓN, premio valorado con 500 €. Optan a este premio as canles presentadas que mellor transmitan a súa mensaxe aproveitando todos os recursos da linguaxe a audiovisual e os recursos do propio Youtube.

– CREATIVIDADE, premio valorado con 500 €. Valorarase o uso dos recursos creativos e a capacidade de xerar novas ideas, formatos e contidos nas canles presentadas.

– MUSICAL, premio valorado con 500 €. Optan a este premio os vídeos musicais das canles presentadas (creación propia, covers, versións, flashmob…) ou as canles musicais compostas unicamente por este tipo de pezas.

– DIDÁCTICO, premio valorado con 500 €. Optan as canles presentadas con contidos didácticos e explicativos, útiles para a docencia e a divulgación.

– PIONEIRO, premio valorado con 500 €. Valorarase nas canles presentadas o feito de que introduza a lingua galega nun campo no que é pouco usada.

– DO PÚBLICO, valorado con 500 €. Este premio outorgaráselle ao vídeo máis votado proposto polo público. Resultará gañador aquel vídeo que despois dun proceso de votación na Rede e a ratificación do xurado, consiga máis votos (ver anexo específico para o premio do público).

https://youtubeiras.gal/

Sabías que hai unha chea de páxinas web que ofrecen vídeos gratuítos para usar nas túas creacións? Bótalle un ollo aos bancos de imaxes!