Bolsas de formación en museos

Estas bolsas, reguladas pola Orde do 16 de decembro de 2025, están dirixidas a persoas tituladas universitarias en Historia da Arte, Historia, Arqueoloxía ou Conservación e Restauración, que conten cun mínimo de 75 créditos nestas materias e acrediten coñecemento de galego de nivel Celga 4 ou equivalente.

O programa ofrece unha formación teórico-práctica de ata 12 meses de duración, que se desenvolverá en museos integrados no Sistema galego de centros museísticos, baixo a titoría de persoal técnico especializado. Ademais da formación práctica nos centros, as persoas bolseiras recibirán contidos teóricos impartidos por profesionais designados pola Dirección Xeral de Cultura.

Cada bolsa contará cunha dotación económica de 1.055 euros brutos mensuais, e o orzamento total do programa ascende a 246.000 euros, incluíndo as cotizacións á Seguridade Social, ao abeiro do réxime xeral para programas de formación.

As solicitudes deberán presentarse exclusivamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia (DOG). A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, atendendo principalmente ao expediente académico e á formación complementaria relacionada co ámbito museístico.

Con esta iniciativa, a Xunta de Galicia reforza o seu compromiso coa formación especializada da mocidade titulada, facilitando a adquisición de experiencia profesional nun sector clave para a conservación, xestión e difusión do patrimonio cultural galego.