20 anos de Cinema en Curso

A Filmoteca de Galicia  celebra os 20 anos de Cinema en Curso cun ciclo conmemorativo arredor do programa internacional de pedagoxía do audiovisual, coordinado na nosa Comunidade pola cinemateca da Xunta, durante o que a sala José Sellier da Coruña recibirá diferentes cineastas vinculados a esta iniciativa de creación e mediación artística.

Baixo o título Compartir o cinema. 20 anos de Cinema en Curso, o especial arrancará o martes 11 de novembro, ás 19,00 horas, cunha primeira sesión na que intervirán Xacio Baño, Jaione Camborda, Marcos López e Ángel Santos, catro dos profesionais galegos que veñen colaborando coa Filmoteca de Galicia na titorización dos filmes realizados polo alumnado de primaria e secundaria dos diferentes centros escolares que, en cada novo curso escolar, participan nesta iniciativa.

Núria Aidelman, codirectora deste programa impulsado pola asociación A Bao A Qu, será a encargada de moderar o coloquio, tras o que se proxectará Innisfree, de José Luis Guerin, unha das películas esenciais de Cinema en Curso, cuxa metodoloxía educativa se fundamenta no vínculo entre ver e facer cinema.

O ciclo, organizado xunto ás filmotecas de Cataluña e Valencia, estenderase durante seis meses convidando outros destacados profesionais do cinema, como Jaume Claret Muxart ou o propio José Luis Guerin, a reflexionar sobre as películas que lles inspiraron, as miradas coas que constrúen o seu propio cinema e os procesos creativos que lles moven.

Máis información:
https://filmotecadegalicia.xunta.gal/gl