As familias galegas disporán de prazo do 1 ao 20 de marzo para solicitar praza escolar para os seus fillos, ben porque entran por primeira vez no sistema educativo (maioritariamente en 4º curso de Educación Infantil) ou ben para aqueles alumnos de Educación Infantil, Educación Primaria, ESO e Bacharelato que desexan cambiar de centro escolar sempre que haxa prazas dispoñibles, tal e como fixa a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.
Previamente, do 15 de xaneiro ao 4 de febreiro, estará aberto o período de reserva de praza para o caso dos alumnos que rematan etapa no seu centro actual e pasan ao centro adscrito que lles corresponde. Isto é, por exemplo, para aqueles estudantes que rematan Primaria nun colexio e pasan a Secundaria nun instituto, ou que rematan Infantil nunha escola de Educación Infantil (EEI) e pasan a un colexio de Primaria.
Listaxes provisionais e definitivos
Unha vez pechado o prazo de solicitudes, as listaxes provisionais de admitidos e excluídos publicaranse o día 24 de abril, as definitivas o 15 de maio e os prazos de formalización de matrícula serán do 20 ao 30 de xuño para os alumnos de Infantil e Primaria e do 23 de xuño ao 7 de xullo para os de ESO e Bacharelato.
Ademais dos procedementos e dos prazos sinalados, a organización do vindeiro curso incorpora tamén as medidas do acordo de mellora do ensino blindadas a través da Lei de medidas fiscais e administrativas da Xunta de Galicia de 2025, entre as que se inclúe a redución progresiva da rateo máxima de 20 alumnos por aula que comezou a aplicarse no curso 2024/25 e opera xa para 4º e 5º de Educación Infantil, e o vindeiro curso 2026/27 estenderase a 6º de Infantil, completando así a redución en toda a etapa.
Tramitación en liña
Cómpre lembrar que a Consellería de Educación pon á disposición das familias unha ferramenta informática, a aplicación admisionalumnado, que posibilita que os proxenitores cubran a solicitude na aplicación, marquen os criterios do baremo que, chegado o caso, queiran que se lles valoren, e poidan presentala de forma presencial no centro, ou por vía electrónica a través da propia aplicación. Deste xeito, garántese o dereito da cidadanía ao acceso electrónico aos servizos públicos, mantendo tamén a posibilidade de presentar esta solicitude de forma presencial.
Ademais, as familias poderán consultar o estado de tramitación da solicitude nas distintas fases do procedemento utilizando o código que xera a aplicación ao gravar a solicitude, xunto co DNI do proxenitor ou proxenitora asinante.

