Axudas económicas con cargo ós orzamentos municipais do Concello de Vigo para atender situacións
extraordinarias que poidan considerarse de emerxencia social e mellorar a mobilidade urbana
das persoas afectadas por graves discapacidades.
A finalidade destas axudas é a de apoiar a aquelas persoas e familias que carecen de
recursos económicos suficientes para afrontar unha determinada situación de emerxencia
social relacionada coa súa vivenda, coa alimentación básica das persoas integrantes da unidade
familiar/de convivencia e outras situacións debidamente acreditadas de necesidade que, de non
ser atendidas, poderían derivar en marxinalidade ou exclusión social.
No caso das axudas de transporte (“bono-taxi”), a finalidade é favorecer o desprazamento na
cidade, mediante a utilización do servizo público de taxi, a aquelas persoas afectadas de graves
dificultades de mobilidade e que non poden utilizar o transporte público colectivo.

