Bolsas Concello de Vigo para estancias lingüísticas no estranxeiro para alumnado da EOI de Vigo

As presentes bases teñen como obxecto regular o procedemento para a selección e adxudicación de bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, entre o alumnado da Escola Oficial de Idiomas de Vigo (EOIV) que curse os seus estudos no presente curso académico, en calquera dos cursos dos niveis intermedio B1, intermedio B2, avanzado C1 e avanzado C2 dos idiomas inglés, francés, alemán e portugués; en calquera dos cursos dos niveis intermedio B2, avanzado C1 e avanzado C2 do idioma italiano; en calquera dos cursos dos niveis intermedio B1 e intermedio B2 do idioma xaponés e no segundo curso do nivel A2 e calquera dos cursos dos niveis intermedio B1 e intermedio B2 do idioma chinés; a fin de que participe nun programa educativo no país do idioma correspondente.

A finalidade destas bolsas é contribuír a mellorar a competencia e capacitación en linguas estranxeiras fomentando a súa aprendizaxe e o contacto con outras culturas nun ámbito internacional.

A bolsa irá destinada a financiar parte dos seguintes conceptos:

— Estancia durante dúas semanas en calquera cidade elixida libremente polo bolseiro/a pertencente aos países de Reino Unido / Irlanda, Francia, Alemaña / Austria, Italia, Portugal, Xapón e China.

— Gastos da viaxe de ida e volta para o desprazamento en autobús ou tren dende a estación de Vigo ou en avión dende o aeroporto de Vigo, cos seus enlaces aéreos correspondentes, ata a cidade do destino elixida libremente polo/a bolseiro/a nos países indicados nos que se desenvolverá o programa.

O voo dende Vigo poderá aterrar nunha cidade diferente do país de destino, completando o desprazamento ata a cidade de destino final noutro medio de transporte público.

Os desprazamentos internos ao longo da estadía formativo lingüística quedan excluídos do programa.

+Info: BOLETÍN OFICIAL DE PONTEVEDRA