A Axencia de Turismo de Galicia publica a convocatoria de dúas bolsas de formación práctica especializada na súa Área de Estudos e Investigación, para a realización de labores de investigación, tratamento e análise de datos en materia turística, coa seguinte distribución:
a) Unha bolsa relacionada co ámbito da ciencia de datos.
b) Unha bolsa relacionada co ámbito da comunicación de datos turísticos.
O lugar de realización das prácticas tuteladas destas bolsas será na sede da área, nas oficinas da Axencia de Turismo de Galicia (estrada Santiago-Noia, km 3, 15897 Santiago de Compostela).
O programa formativo desenvolverase ao longo dos anos 2025 a 2027, cunha duración máxima de 24 meses contados a partir da data de incorporación das persoas bolseiras que será, previsiblemente, o 1 de xullo de 2025.
Poden solicitar a concesión das bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:
a) Nacionalidade: ter nacionalidade española ou ser nacional de calquera Estado membro da Unión Europea.
b) Titulación: estar en posesión, antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, dunha titulación superior (calquera). A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao rematar o prazo de presentación de solicitudes e ter rematados os estudos conducentes a el no ano 2020 ou posterior.
c) Idiomas: todas as persoas solicitantes deberán acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel Celga 4, perfeccionamento ou título equivalente. Só se concederá validez ás titulacións ou aos cursos homologados polos órganos competentes en materia de política lingüística.
d) Non gozar na actualidade de calquera outra bolsa ou axuda, salvo o subsidio por desemprego ou a renda activa de inserción para desempregados.
e) Non ter emprego remunerado nin percibir a prestación por desemprego.
f) Non incorrer en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
g) Non incorrer en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
h) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme ao artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En ningún caso poderán ser persoas beneficiarias destas bolsas aquelas persoas solicitantes que foran adxudicatarias delas en edicións anteriores. Quedarán tamén excluídas da convocatoria aquelas persoas solicitantes que foran adxudicatarias das bolsas en edicións anteriores e que renunciaran a elas durante o seu desenvolvemento.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (código de procedemento TU981C).
Prazo de presentación de solicitudes: do 16 de maio ao 15 de xuño de 2025
Máis información: DOG DO 14/05/2025
Información adicional na Axencia de Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:
a) Na páxina web oficial da Axencia de Turismo de Galicia: http://www.turismo.gal/canle-institucional/actualidade/taboleiro-de-anu…
b) No teléfono 881 99 54 29 ou no enderezo electrónico estudos.turismo@xunta.gal
c) Presencialmente: Axencia de Turismo de Galicia, Área de Estudos e Investigación, estrada Santiago-Noia, km 3, 15897 Santiago de Compostela.
d) Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas na presentación de formularios por vía electrónica, poderán facer as súas consultas no teléfono de información 012 ou no correo electrónico 012@xunta.gal