O Concello de Arbo vén de aprobar, mediante a resolución da Alcaldía nº 464/2025 de data 2 de outubro de 2025, as bases do XI Certame Galego de Corais “Vila de Arbo”, que se celebrará o 22 de marzo de 2026, en horario de tarde, no Auditorio Segundo Gil Davila de Arbo.
O certame, organizado polo Concello de Arbo, conta coa colaboración da Coral Polifónica de Arbo e da Federación Coral Galega (FECOGA), consolidándose como unha cita de referencia no panorama musical galego. O seu obxectivo é fomentar a música coral polifónica, promover a cultura musical e fortalecer a comunidade coral en Galicia.
Participación e inscrición
Poderán participar todas as agrupacións corais da Comunidade Autónoma de Galicia, así como as inscritas en FECOGA, sempre que non sexan profesionais nin pertenzan a escolas de música profesionais ou semiprofesionais, e actúen a capela.
O prazo de inscrición será de un mes a partir do día seguinte á publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. As solicitudes deberán presentarse a través da Sede Electrónica do Concello de Arbo, acompañadas da documentación requirida nas bases (currículum, gravación recente, fotografías, declaración xurada, partituras, etc.).
Premios e recoñecementos
O xurado, composto por profesionais do ámbito musical, outorgará os seguintes premios:
🥇 Primeiro Premio “Segundo Gil Davila”: 900 € e trofeo
🥈 Segundo Premio: 400 € e trofeo
🥉 Terceiro Premio: 300 € e trofeo
🎵 Premio FECOGA á mellor interpretación da obra obrigada “O Arco da Vella” de Xavier Comesaña: 500 €
As corais participantes que non resulten gañadoras recibirán unha axuda de 200 € e un agasallo conmemorativo pola súa participación.
Información adicional
Para máis información ou aclaracións, as persoas interesadas poden contactar coa organización a través do correo electrónico
📧 oficinas.concellodearbo@gmail.com ou no teléfono ☎️ 986 66 50 00.
As bases completas poden consultarse no Taboleiro de Anuncios e na web oficial do Concello de Arbo:
🔗 https://www.concellodearbo.es
2025-10-08