As Escolas Oficiais de Idiomas abren o luns 9 de xuño a matrícula , segundo se recolle na resolución pola que se ditan instrucións para a preinscrición, admisión, matrícula e organización académica nestes centros no curso 2025/26.
No caso do alumnado matriculado no actual curso 2024-25, que resulte apto na convocatoria ordinaria de probas e que desexe continuar estudos no curso 2025-26 no mesmo idioma e escola, deberá formalizar a matrícula entre o 9 e o 23 de xuño.
A convocatoria extraordinaria de matrícula (para o alumnado apto, non apto ou non presentado na convocatoria extraordinaria de probas) irá do 27 de xuño ao 7 de xullo.
O alumnado de novo ingreso deberá realizar unha preinscrición en liña entre o 16 de xuño e o 7 de xullo.
Cada persoa poderá presentar unha única solicitude con tres preferencias priorizadas de grupos nun máximo de dous idiomas.
A adxudicación de prazas realizarase a través de sorteo nun acto público o día 9 de xullo ás 9,00 horas na Escola Oficial de Idiomas de Vigo.
O alumnado de nova incorporación que obteña praza no dito sorteo de preinscrición deberá matricularse entre o 10 e o 21 de xullo.
En calquera dos casos, a matrícula tense que formalizar obrigatoriamente en liña. Unha vez que remate o proceso de matrícula e ata o día 19 de setembro, no caso de quedaren prazas vacantes, cada escola poderá cubrilas coas listaxes de espera, en caso de habelas, ou atendendo as peticións de alumnado de novo acceso que non realizase o proceso de preinscrición. As escolas non poderán facer pública ningunha oferta de prazas vacantes mentres existan listas de agarda.