Ao longo de novembro organízanse obradoiros, exposicións, contacontos, conferencias e experimentos dirixidos a todas as idades.
En 30 concellos do rural das provincias de Lugo e Ourense, A Furgoteca percorrerá a súa ruta e gozarán este mes dunha vintena de actividades que abrangue experimentos científicos, obradoiros de creación de robots ou de refugallos xunto con outros que afondarán na física, na alquimia moderna ou na astronomía, con gran parte deles facendo fincapé no papel de mulleres da ciencia pioneiras.
Este programa, xunto co resto das accións do Mes da ciencia en galego que acollerán as sete bibliotecas públicas da Xunta, pode consultarse nas súas respectivas páxinas web e na axenda de cultura.gal
Ao abeiro desta programación, os centros educativos de primaria e secundaria contarán ao longo deste mes con iniciativas como publicacións, conferencias, exposicións de proxectos, xogos interactivos, podcast ou concursos para incentivar o traballo en equipo e para que os estudantes teñan a oportunidade de interactuar con estes conceptos e coa tecnoloxía.
Cómpre destacar que o manifesto da edición deste ano do Mes da ciencia en galego ten a autoría de Concepción Paz Penín, enxeñeira industrial, catedrática e doutora pola Universidade de Vigo, na que actualmente dirixe o Departamento de Enxeñaría mecánica, máquinas e motores térmicos e fluídos.
Máis información:
https://www.cultura.gal/gl

