A Deputación de Pontevedra pon en marcha a IX edición dos Premios Provinciais á Xuventude a través do Servizo de Xuventude e Reto Demográfico. O obxectivo destes galardóns é promover o talento da mocidade da provincia, e recoñecerán a calidade dos traballos realizados nun total de doce categorías: iniciativas xuvenís, iniciativa empresarial, educación en valores, investigación, contido audiovisual, traballo musical, traballo literario breve, banda deseñada, fotografía orixinal, deseño e moda, reacción polo clima e iniciativas xuvenís dos concellos.
Estes premios anuais están dirixidos, principalmente, a persoas de entre 15 e 35 anos.
Nalgunhas categorías tamén están dirixidos a asociacións xuvenís e estudantís (categoría 1, iniciativas xuvenís), a persoas xurídicas con sede na provincia (categoría 2, iniciativa empresarial), a centros educativos con alumnado de entre 12 e 18 anos (categorías 3, educación en valores, e 11, reacción polo clima) e a concellos da provincia que desenvolvan iniciativas dirixidas á mocidade (categoría 12, iniciativas xuvenís dos concellos).
O prazo de presentación de solicitudes será de dous (2) meses e comezará a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e na Base de Datos Nacional de Subvencións.
+Info: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA