A Consellería de Emprego publica as bases reguladoras para promover a primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos, e procede á súa convocatoria para o ano 2025.
Esta convocatoria ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria, para o ano 2025, de subvencións para a contratación por conta allea que realicen as empresas e persoas empregadoras para facilitarlles a mozas e mozos menores de 30 anos en situación de desemprego unha primeira experiencia profesional mediante contratos formativos.
Persoas empregadoras e empresas beneficiarias:
Poderán ser persoas e empresas beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as comunidades de bens e sociedades civís que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.
Tamén poden ser beneficiarios os centros especiais de emprego e as empresas de inserción laboral que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, excepto para subscribir contratos con persoas con discapacidade e contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social, respectivamente.
Modalidades de contratación:
– Contratos para a obtención da práctica profesional.
– Contratos de formación en alternancia.
Os contratos terán unha duración mínima de doce (12) meses e deberán ser a xornada completa.
O período durante o cal se teñen que realizar os contratos formativos para que sexan subvencionables comprende desde o 16 de outubro de 2024 ata o 15 de outubro de 2025.
As contías máximas do incentivo á contratación por doce (12) meses a xornada completa que se concederán con carácter xeral serán as seguintes:
a) Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 1 e 2: 16.625 €.
b) Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 3 a 7: 13.300 €.
c) Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 8 a 11: 9.975 €.
Presentación de solicitudes e prazo:
As persoas empregadoras ou empresas presentarán as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal (código de procedemento TR353C)
O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o 27 de maio e rematará o 30 de setembro de 2025.
Persoas destinatarias finais que poden contratar as persoas empregadoras e empresas:
1. Poderán ser persoas destinatarias finais destas axudas aquelas persoas mozas que no momento da contratación cumpran os seguintes requisitos para alguna das dúas modalidades de contratación previstas:
a) Que teñan 16 anos e non fixesen os 30 anos no momento da contratación.
b) Que estean desempregadas (desocupadas no día inmediatamente anterior ao da data de inicio do contrato), preferentemente persoas paradas de longa duración, e que se encontren inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia no momento da súa contratación.
No caso de persoas que vaian ser contratadas na modalidade de obtención de práctica profesional, deberán cumprir, ademais, os seguintes requisitos:
a) Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións:
– Título universitario:
– Título de grao medio ou superior.
– Especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional.
– Título equivalente de ensinanzas artísticas ou deportivas do sistema educativo, que habilite ou capacite para o exercicio da actividade laboral.
b) O contrato de traballo para a obtención de práctica profesional deberá concertarse dentro dos tres (3) anos, ou dos cinco (5) anos se se formaliza cunha persoa con discapacidade, seguintes á terminación dos correspondentes estudos. Non se poderá subscribir con quen xa obtivese experiencia profesional ou realizase actividade formativa na mesma actividade dentro da empresa por un tempo superior a tres (3) meses, sen que se computen para estes efectos os períodos de formación ou prácticas que formen parte do currículo exixido para a obtención da titulación ou do certificado que habilita para esta contratación.
3. No caso de persoas que vaian ser contratadas na modalidade de formación en alternancia, deberán cumprir, ademais, o seguinte requisito:
– Carecer da cualificación profesional recoñecida polas titulacións ou polos certificados requiridos para concertar un contrato formativo para a obtención da práctica profesional. Sen prexuízo do anterior, poderanse realizar contratos vinculados a estudos de formación profesional con persoas que posúan outra titulación sempre que non tivesen outro contrato formativo previo nunha formación do mesmo nivel formativo e do mesmo sector produtivo.
Máis información: DOG do 20/05/2025